Lugo, 17 de setembro de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará este curso máis de 20.000.000 euros a sufragar os servizos de comedor e transporte escolar nos colexios e institutos da provincia de Lugo
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, deu hoxe a coñecer os datos relativos á prestación de ambos servizos e destacou o esforzo inversor que “proba a aposta do Goberno de Galicia polo ensino público e polo rural”.
Así, explicou Balseiro, máis de 10.200 alumnos e alumnas da provincia fan uso diariamente destes servizos, que “inflúen directamente sobre o grao de equidade do sistema educativo”, xa que pretenden “salvar as dificultades de acceso ao ensino derivadas da dispersión xeográfica e doutras situacións de desvantaxe social, económica ou de calquera índole”. En xeral, a maioría dos alumnos que utilizan o transporte escolar tamén fan uso do servizo de comedor.
En concreto, este curso a Consellería xestiona os comedores escolares de 104 centros lucenses, dos que fan uso este curso 10.227 alumnos e alumnas. Igualmente, utilizan o transporte escolar 10.248 nenos e nenas de 118 centros da provincia. A prestación deste servizo obriga a asinar 364 contratos coas empresas de transporte que cobren diariamente 617 rutas.
A maiores, a consellería inviste 61.590 euros en 41 axudas individualizadas para sufragar os custos de desprazamento das familias en casos puntuais nos que resultaría complexo habilitar unha ruta.
Inauguración do curso en secundaria
O delegado territorial inaugurou o curso escolar de secundaria no Instituto Xograr Afonso Gómez de Sarria, onde destacou a normalidade coa que discorreu a volta ás clases dos 12.300 estudantes lucenses de educación secundaria, bacharelato e ensinanzas en réxime especial nos 79 institutos da provincia.
Os datos de matrícula son aínda provisionais dado que nos últimos días realizáronse exames de recuperación en secundaria e tampouco se contempla o alumnado de FP, ensinanzas nas que aínda é posible matricularse.
José Manuel Balseiro lembrou que nos últimos días regresaron ás aulas 32.545 estudantes lucenses de Primaria e Secundaria. Neste sentido, explicou que “durante o verán, a Xunta investiu 1,6 millóns de euros en distintas obras para a posta a punto dos nosos colexios e institutos, realizando traballos en 46 centros de 30 concellos”.
Ademais, nos últimos meses impulsáronse cinco grandes obras de remodelación integral, que suman 4 millóns de euros de investimento, nos centros Veleiro do Campo (Castro de Rei), Lois Tobio (Viveiro), Lagostelle (Guitiriz), colexio das Mercedes (Lugo) e a ampliación do colexio Laverde Ruíz en Outeiro de Rei.
Para rematar, Balseiro fixo referencia “aos importantes proxectos que se acometerán a curto prazo”, entre os que destaca o novo colexio do Sagrado Corazón (en Lugo) cun investimento aproximado de 4 millóns de euros.
Tamén están previstas importantes reforma no Luis Pimentel (Lugo), no colexio de Láncara e no IES Sanxillao, cada unha delas cun investimento de arredor de medio millón de euros.