Lugo, 6 de setembro de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto con outras autoridades, participou este xoves en Mondoñedo na saída da 12ª Etapa da Vuelta Ciclista España 2018, con chegada ao Faro de Estaca de Bares (Mañón, A Coruña). Esta etapa, que conta cun percorrido de 181 quilómetros, atravesou 10 Concellos da Mariña Lucense, ademais da cidade mindoniense. Así, La Vuelta pasou por Lourenzá, Trabada, Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro, para rematar na provincia da Coruña.
Campos Conde aproveitou esta xornada deportiva para visitar os diferentes stands que acompañan á Vuelta Ciclista España, como por exemplo É para comer Lugo… unha iniciativa que puxo en marcha a APEHL, coa que colabora o Goberno da Deputación a través da edición da Guía Gastronómica da Provincia, que se distribúe en todas as etapas da Volta, Fitur, así como en oficinas especializadas.
Bicicleta Solidaria
O Presidente participou tamén na Bicicleta Solidaria desta edición de La Vuelta, pedaleando a favor dos usuarios do Hospital San Pablo e San Lázaro de Mondoñedo. “Fai uns días recibín unha carta dos usuarios deste Centro dándonos as grazas pola colaboración que mantemos, e hoxe, son eu quen lles dá as grazas por deixarme subirme a esta bicicleta e poder ser partícipe deste pequeno xesto solidario. Merecédelo”, subliñou Campos Conde.