Mondoñedo, 7 de setembro de 2018.- O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a aprobación definitiva do expediente de depuración de saldos do Concello de Mondoñedo ao que non se ten presentado ningunha alegación durante o prazo de información pública aberto trala súa aprobación inicial no Pleno da Corporación do 31 de xullo do 2018.
O expediente aflora un remanente de tesouraría de 1.399.805,49 euros quedando practicamente eliminados os cobros pendentes de aplicación definitiva ao supoñeren menos de 4.000 euros (3.876,45 euros).
Os fondos líquidos do Concello ascenden a 2.340.095,42 euros e os dereitos recoñecidos pendentes de cobro suman 1.504.204,53 euros, mentres que as obrigas pendentes de pagamento son de 666.698,05 euros. Finalmente, o remanente de tesourería achégase aos 1,4 millóns de euros unha vez descontados os saldos de dubidoso cobro.
O Goberno local remata, deste xeito, un expediente administrativo complexo que reflicte a solvencia económica do Concello para afrontar as súas débedas cun remanente positivo.
Estudando a amortización da débeda e posibles investimentos
A alcaldesa, Elena Candia, avanza que “estamos a estudar cos servizos xurídicos e económicos do Concello a cantidade que se pode destinar para a amortización da débeda, así coma a posibilidade de planificar algún investimento no vindeiro exercicio”.
A popular apunta que “abonado o último recibo do préstamo de pagamento a provedores, quedan pendentes algo máis de 700.000 euros. Esta é a única débeda relacionada co préstamo de pagamento a provedores, coa banca e coas administracións coa que conta actualmente o Concello de Mondoñedo despois de facer fronte á débeda herdada da anterior lexislatura”.
Débeda herdada
O Concello de Mondoñedo rexistraba no 2015, a finais do mandato bipartito, unha débeda de 33.000 euros coa Deputación Provincial en relación ás obras de Pousalido, 50.000 euros de préstamos da banca e 1.354.950 euros pendentes do préstamo do pagamento a provedores “sen contar outras cantidades ás que tivemos que facer fronte cando chegamos á alcaldía”, recorda Candia. Polo tanto, o Goberno local popular ten reducido a débeda do Concello en relación ao préstamo de pagamento a provedores, coa banca e coas administracións á metade: dende os 1.437.950 euros aos 700.000 euros.