Lugo, 15 de decembro de 2017.- Os orzamentos da Xunta para 2019 contemplan un investimento por lucense case once veces superior ao destinado polo bipartito nas contas autonómicas de 2009. O incremento é moi notable xa que pasa dos 374 euros por lucense de 2009 aos 4.022 euros por lucense previstos para o ano próximo.
Este dato é aínda máis significativo se temos en conta que a Xunta de Galicia en 2009 tiña un orzamento maior que o actual. Fai dez anos a Xunta presupostaba 11.426 millóns de euros no conxunto da Comunidade fronte aos 9.487 millóns de euros contemplados nas contas autonómicas que se acaban de presentar.
“O bipartito con máis recursos, investía menos no conxunto da provincia” Así o resumía José Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta en Lugo, para poñer en valor o compromiso inversor do Goberno nunha provincia que segue a liderar o investimento por habitante en toda Galicia
Rebaixas fiscais pensadas para o rural
Balseiro destacou tamén que, a diferenza do que está a facer o Goberno central aumentando as cargas impositivas a familias e empresas, as contas autonómicas para o ano próximo contempla novas rebaixas fiscais, especialmente centradas no rural e, polo tanto, con especial incidencia na nosa provincia.
Así o delegado citou a baixada de impostos para mercar unha vivenda usada e destinala a residencia habitual. A Xunta baixará do 8% ao 7% o Imposto sobre Transmisións Patrimoniais na adquisición dunha vivenda usada para uso habitual, unha rebaixa que será máis forte (do 4% ao 3%) para tres colectivos específicos: familias numerosas, persoas con discapacidade e persoas menores de 36 anos.
A este apoio hai que engadir a consolidación de medidas xa aprobadas en anos anteriores, como o programa de impostos cero no rural unha iniciativa pioneira en España para reducir a tributación nos concellos con maior presenza de actividades agrarias ou gandeiras e con menos poboación, favorecendo a compra, venda e fusión de explotacións, ou tamén a rebaixa do imposto de sucesións que agora se amplía a todas as herdanzas entre irmáns a que xa opera para pais e fillos. Con esta medida 6 de cada 10 sucesións entre irmáns non pagarán o imposto de sucesións.