Viveiro, 17 de xullo, 2019. O Bloque Nacionalista Galego ten claro que para garantir o benestar e calidade de vida da veciñanza de Viveiro é necesario que esta poda contar cuns servizos e espazos públicos de calidade, accesíbeis, seguros e con usos plurais, contar cunha vila sustentábel, sostíbel e respectuosa co medio ambiente, así como tamén é fundamental que a veciñanza poda contar cun traballo digno, cunha oferta cultural ampla e con vocación maioritaria, ademais de ter a posibilidade de acceso á actividade físico-deportiva en igualdade de condicións.
O goberno municipal ao fronte do concello é o responsable de garantir á veciñanza o seu benestar e mellorar a súa calidade de vida e, por isto, desde o BNG, instamos ao equipo de goberno a traballar de xeito planificado e coordinado cos axentes económicos e sociais locais e, paralelamente, a buscar o consenso cos membros da corporación municipal para acordar, entre todas e todos, as actuacións e investimentos prioritarios para Viveiro para executar ao longo dos vindeiros catro anos, co obxecto de crear as condicións necesarias que:
1) Impulsen e dinamicen a nosa economía local. Actuacións e investimentos que poñan en valor os recursos endóxenos cos que conta o noso concello e que aposten firmemente por un modelo de crecemento económico sustentábel para Viveiro.
2) Devolvan os espazos públicos ás persoas, transformándoos en centros de socialización e convivencia e garantan infraestruturas viarias municipais seguras.
3) Avancen na subministración de auga potable e o saneamento en todas as parroquias do concello.
4) Democraticen o acceso á cultura, contribúan á participación activa das veciñas e veciños no labor cultural e poñan en valor as diferentes manifestacións culturais.
5) Contribúan a aportar solucións ás demandas e necesidades da mocidade.
6) Garantan a posibilidade de practicar unha actividade física e do deporte a toda a veciñanza que o demande.
7) Avancen na modernización da administración municipal de Viveiro.
O BNG ten claro que, para executar os investimentos necesarios que garanten o benestar e a calidade de vida das veciñas e veciños de Viveiro o concello necesita contar cunhas inxentes partidas económicas no orzamento municipal anual e, ao mesmo tempo é consciente de que os recursos económicos do concello son limitados e insuficientes, ademais de arrastrar unha débeda viva municipal duns 10,4 millóns de euros, herdanza do desgoberno do PP neste concello, e que representa máis dun 75% do orzamento do 2018. Débeda da que teñen facerse cargo en cada exercicio presupostario, ano tras ano, as veciñas e veciños de Viveiro. Por isto e co fin de racionalizar e optimizar os recursos económicos e os investimentos do concello, e evitar un mandato máis no que sexa a improvisación e o desleixo a maneira de facer política municipal o goberno actual, desde o grupo municipal do BNG propoñemos á corporación municipal a elaboración consensuada dun plan económico plurianual a desenvolver durante o mandato 2019-2023. Plano no que se deberán estabelecer as prioridades en materia de investimentos e no que figurarán no mesmo as obras a executar, as partidas que previsíbelmente sexan necesarias para a súa execución, o cronograma de actuacións das mesmas e onde se recolla a fase de execución na que se atopa cada investimento previsto. Un plano, en definitiva, no que se dea prioridade a investimentos que procuren melloras sociais e ambientais. Nesta mesma liña de traballo, así mesmo, o BNG propón a creación dunha comisión de seguimento deste plano económico de investimentos onde estean representados todas as forzas políticas con representación municipal e representantes do tecido asociativo.
O compromiso do BNG adquirido coa veciñanza de Viveiro para os vindeiros catro anos é a de facer unha oposición rigurosa e contundente pero tamén construtiva e propositiva para seguir a traballar como vimos facendo nos últimos anos, e agora novamente desde a corporación municipal, na defensa dos intereses das veciñas e veciños de Viveiro e do seu benestar, a inclusión social, a igualdade, a calidade de vida e na defensa da participación activa popular na toma de decisións do concello co fin de avanzarmos na transparencia e na democratización da política municipal desenvolta neste concello. É por isto polo que traemos ao primeiro pleno deste novo mandato esta moción na que se propón algo primordial para unha boa xestión municipal, que é a de planificar consensuadamente e programar a execución, con rigor e seriedade, de investimentos fundamentais para beneficio de Viveiro, da nosa veciñanza e tamén dxs que nos visitan cada ano.
Por todo o anteriormente exposto, o grupo municipal do BNG solicita ao pleno da corporación local a adopción do seguinte acordo:
1.Aprobación da elaboración dun Plano Económico plurianual (2019-2023) en materia de investimentos no concello de Viveiro por parte do Goberno Municipal.
2.Crear unha comisión de seguimento que se reuniría no plazo acordado no pleno onde se aprobe o Plano Económico plurianual de investimentos que sexa aprobado polo pleno da corporación municipal.





















O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



