A Mariña, 24 de abril, 2020. O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar hoxe, 24 de abril, un escrito diante da Delegación do Goberno en Galicia para solicitar a derrogación da modificación permanente dos novos criterios de inclusión no Sistema Especial de Traballadoras/es Agrarias/os (SETA). Estas modificacións están vixentes dende o 23 de abril, un día despois da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) a través do Real Decreto-lei 15/2020 de medidas urxentes complementarias para apoiar la economía e o emprego.
Estas modificacións decretáronse sen que houbese un diálogo previo coas organizacións agrarias. Nelas, o Goberno do Estado introduce con carácter permanente unha modificación dos requisitos de inclusión no SETA que implica que moitas destas persoas traballadoras se verán obrigadas a pasar ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA). Isto é así porque non se ten en conta a posibilidade de que poida haber varias persoas compartindo a titularidade dunha explotación agraria aos efectos de computar o número máximo de traballadores por conta allea que poderían ter para seguir encadrados dentro do SETA. Isto aféctalle, sobre todo, ás explotacións que se fusionaron nos últimos anos, pois até agora permitíanlles ter máis de dous traballadores contratados por conta allea por cada unha das persoas titulares das explotacións fusionadas; con esta modificación, impónselles a estas granxas un tope máximo de dous traballadores por conta allea se queren seguir dentro do SETA, con independencia de que se trate dun só titular ou dunha sociedade con varias persoas socias.
Por outra banda, o real decreto suprime os supostos de representación de carácter sindical, cooperativo ou profesional, dentro das actividades complementarias da actividade agraria. Tamén suprime como actividades complementarias as relacionadas coa conservación dos espazos naturais e a protección do medio ambiente, o turismo rural ou agroturismo, ao igual que as cinexéticas e artesanais realizadas na súa explotación.
A modificación que denunciamos introdúcese na disposición final sexta do decreto-lei. A explicación que figura na exposición de motivos do texto legal é que se pretende “prescindir dos requisitos vinculados a rendas do traballo” para “facilitar o acceso ás garantías sociais dos pequenos agricultores”. Por outra banda, tamén pretendería “mitigar o efecto da pandemia polo COVID-19 que, ante a posibilidade de reducir drasticamente a súa produción e, polo tanto, as súas rendas agrarias farían inviable a súa permanencia no sistema especial tal e como está actualmente configurado, xa que non cumpriría con ditos requisitos”.
Esta explicación contrasta co feito de excluír as actividades mencionadas nos parágrafos anteriores, que viñan sendo recoñecidas pola lexislación vixente dende os anos 70 nesta materia, e que apenas foi modificada dende entón, máis que para ser adaptada ás circunstancias que foron mudando.
ELIMINACIÓN DE CRITERIOS ESENCIAIS PARA SEGUIR NO SETA COMO O LÍMITE MÁXIMO DE BENEFICIOS OU A PORCENTAXE DE RENDAS DERIVADAS DA ACTIVIDADE AGRARIA
En consonancia co sinalado na exposición de motivos, o decreto-lei elimina o requisito da obtención do 50 % das rendas da actividade agraria e o 25 % como resultado do traballo directo, adicándolle como mínimo a metade do tempo total de traballo. Porén, ao introducir esta modificación con carácter permanente, a partir da súa entrada en vigor, deixa nunha situación de inseguridade xurídica moitas persoas titulares dunha explotación que teñen de forma simultánea outra actividade, pois elimínase o requisito do 50% pero non se establece ningún outro criterio que determine os límites con outras actividades.
Tamén se elimina o límite máximo no beneficio da explotación (o 75% da base máxima de cotización) para considerar o encadramento en SETA ou RETA, co que se elimina un dos poucos criterios claros para determinar a inclusión nun sistema ou noutro e que, até agora, viña servindo para determinar o “teito” de beneficios que podía ter unha explotación con afiliación ao SETA.
Un exemplo práctico para entender o resultado desta modificación é que até agora quen superase 36.630 € de beneficio anual, tiña que encadrarse no RETA. Mais, a partir do decreto-lei, suprímese ese límite, de maneira que se permite que unha persoa titular dunha explotación que supere eses beneficios siga encadrado no SETA, mentres que se contrata a máis de dúas persoas traballadoras pasa a cotizar no RETA aínda que teña menos beneficios.
Tampouco entendemos no Sindicato Labrego Galego que se utilice para estas modificacións un real decreto-lei, pois para afrontar as modificacións necesarias durante unha situación temporal como a que vivimos, a fórmula lexislativa que se adoita empregar é a da “disposición transitoria”, que permite establecer requisitos diferentes aos habituais para unha situación excepcional que dura un tempo determinado.
No caso deste real decreto lei, a única referencia nas disposicións transitorias faise na quinta, que se refire á comprobación da validez das incorporacións ao SETA que se atopen pendentes de realizar por parte da Tesourería Xeral da Seguridade Social na data de entrada en vigor deste real decreto-lei. Polo tanto, o resto das modificacións que introduce, pretende facelas con carácter permanente, non en atención ás circunstancias que estamos a vivir agora mesmo como manifesta na exposición de motivos, e sen que estes cambios vaian favorecer o emprego ou afiliación no SETA.