Lugo, 4 de novembro de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este xoves na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia as grandes liñas de actuación dos Orzamentos da institución para o ano 2022, que, con 100M€ -un 8% máis ca neste 2021 grazas ao incremento da participación nos tributos do Estado-, serán os máis altos da última década e servirán “para seguir mellorando e ampliando os servizos públicos e para continuar apoiando a recuperación económica da provincia dende o sector público, en colaboración cos concellos e co tecido social e económico”.
Serán “uns orzamentos feitos dende o rigor, por un Goberno sólido que ten un proxecto claro para a provincia, que coñece a súas necesidades e oportunidades, que cumpre cos seus compromisos e que, polo tanto, ofrece confianza”, asegurou o Presidente, quen avanzou que a previsión é levar a aprobación das contas a Pleno a finais deste mes de novembro e que entren en vigor a principios de xaneiro.
José Tomé subliñou que o aumento que experimenta o Presuposto a nivel global repercutirá nunha subida das partidas destinadas ás catro grandes liñas de actuación prioritarias do Goberno: as políticas sociais, a cooperación cos concellos, o apoio ós sectores produtivos e a mellora da mobilidade. “Continuaremos co rumbo que temos marcado. Cando algo funciona e dá resultados, cando é útil e cando resolve problemas, hai que mantelo”, asegurou.
Deste xeito, no 2022 subirán as partidas para políticas sociais, que ocupan un terzo do Orzamento total da Deputación de Lugo, e que, ademais dos servizos sociais e de benestar, inclúen accións en materia de emprego, igualdade, cultura, deportes, xuventude, Memoria Histórica ou educación, entre outras.
O Presidente confirmou que no vindeiro ano a Deputación de Lugo seguirá ampliando a Rede Pública de Centros de Atención a Maiores e, desta forma, cumprindo cos compromisos adquiridos cos concellos e a veciñanza.
Neste sentido, recalcou que ao final deste mandato “multiplicaremos por tres o número de residencias provinciais en funcionamento, pasando das tres que había no ano 2019 ás 9 coas que contaremos no 2023, ás que hai que sumar as que están en construción”.
120 novas prazas asistenciais e 100 empregos creados en só dous anos
José Tomé lembrou que o mandato comezou con tres centros abertos, en Trabada, Ribadeo e Pol. Dende entón abríronse outros tres, na Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, e tan só nuns días poñerase en marcha o de Meira. “É dicir, catro novas residencias públicas en só dous anos e cunha pandemia polo medio. Isto significa que creamos 120 novas prazas asistenciais e 100 novos empregos directos na provincia, en pequenos concellos rurais, que é onde máis se necesitan”.
“A día hoxe, temos máis residencias públicas na provincia ca Xunta de Galicia. E seguimos adiante porque no vindeiro ano 2022 teremos abertos outros dous centros máis: en Navia de Suarna e Ribas de Sil, ademais de seguir traballando nos proxectos en marcha, como son os da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, A Pobra do Brollón, Ourol, Folgoso do Courel ou Ferreira de Pantón, entre outros”.
Nin unha soa residencia pública en Galicia dende que goberna Feijóo
Mentres tanto, a Xunta de Galicia, que conta cun Orzamento 125 veces maior co da Deputación de Lugo e, ademais, é a administración que ten as competencias en materia social, segundo o Estatuto de Autonomía e a Lei de Servizos Sociais de Galicia, “non abriu nin unha soa residencia pública en toda Galicia nos doce 12 anos nos que Feijóo leva á fronte do Goberno galego”, afirmou Tomé Roca.
O Presidente aproveitou a súa comparecencia no Parlamento para “darlle a benvida” a Feijóo ó modelo de residencias da Deputación de Lugo, “porque o novo sistema que agora di a Xunta que vai implantar é exactamente o mesmo que nós lle vimos ofrecendo dende hai moito tempo: un modelo público, de centros pequenos, con atención de calidade e personalizada, que garante o arraigo e o benestar das persoas, ademais de dinamizar a economía local e crear emprego”.
“Parece que, por fin, a Xunta se dá conta de que o seu modelo é nefasto para as persoas. Unha boa maneira de demostrar que vai rectificar e que vai implantar o modelo que ten a Deputación de Lugo sería, precisamente, que a Xunta financiase as residencias provinciais e que as integrase na súa rede pública de centros. Que cumpra co que lle levamos pedindo tanto tempo, porque a día de hoxe, non puxo nin un só euro, nin para a construción, nin para o funcionamento das residencias da Deputación”, engadiu.
Distribución dos fondos públicos con criterios públicos e obxectivos
No ano 2022, a Deputación manterá a distribución equitativa dos fondos públicos entre os 67 concellos da provincia a través do Plan Único, un instrumento “moi importante para favorecer o equilibrio territorial, que respecta a autonomía local, e que dá estabilidade ós concellos porque contan con eses recursos da Deputación de Lugo para planificar a súa acción municipal”, explicou o mandatario provincial.
O Presidente subliñou que ano tras ano, “aumentamos a dotación económica –chegando hoxe aos 21,5M€-, pero tamén melloramos as condicións para que lles sexa máis útil ós concellos”.
Como datos que “reflicten claramente a utilidade que ten para a provincia este plan”, José Tomé dixo que dende o inicio do mandato inxectou 64M€ nos concellos da provincia, un investimento co que acometeron en total unhas 1.000 obras e subministracións e contrataron a máis de 900 persoas.
“Rematen xa coa concesión de axudas con nocturnidade e aleivosía”
O Presidente pediu un Plan Único da Xunta ao que lle dedique a mesma porcentaxe sobre o Orzamento ca que destina a Deputación de Lugo, un 20%, co que alcanzaría os 2.325M€. “Que o señor Feijóo acabe co sectarismo e co castigo que practica cara os concellos que non son da súa mesma cor política. Pero, sobre todo, que remate xa coa concesión de axudas con nocturnidade e aleivosía. Convocatorias para as que abren o prazo ás 12 da noite e, curiosamente, xa están esgotadas 5 ou 10 minutos despois. É incrible a axilidade coa que preparan os expedientes os concellos amigos”, aseverou o mandatario provincial.
Sen recursos extraordinarios para afrontar a pandemia
Así mesmo, José Tomé trasladou á Cámara galega “o que é un clamor no mundo municipal” porque “está ben que a Xunta de Galicia pida fondos ó Estado, pero ten que facer unha segunda descentralización para que as deputacións fagamos chegar eses fondos ós concellos, sobre todo ós máis pequenos. Isto sería a garantía de que se executan e de que realmente chegan á cidadanía, porque temos capacidade de xestión e somos os que mellor coñecemos as necesidades da xente”.
Ademais, lembrou a situación “surrealista” que supón que o Goberno galego pida continuamente ás deputacións que aporten financiamento para competencias que son súas, cando debería ser a Administración autonómica a que trasladara fondos ás institucións provincias e locais.
O Presidente indicou que, por riba de todo isto, a Xunta tampouco executa os recursos económicos que recibe, “xustamente o contrario da imaxe que vende”, e, como exemplo, lembrou que deixou sen gastar “nada menos que o 51% dos fondos que percibiu de Europa no período 2014-2020, coa cantidade de necesidades e co enorme potencial que temos en Galicia. Case 1.400M€ que perdeu o noso país porque a Xunta non soubo ou non quixo executalos. Isto, aparte de sorprendente, é realmente grave”.
O mesmo ocorre, engadiu, cos Orzamentos autonómicos: “Na provincia de Lugo, levamos anos e anos falando dos mesmos proxectos: a VAC Costa Norte, a Ronda Leste, o Plan Paradai ou o Porto Seco. Nada novo, porque a Xunta non cumpre co que promete”.
Captación de fondos europeos
Ademais de seguir reclamando á Xunta que transfira ás deputacións unha parte dos millóns de euros extraordinarios que está recibindo para combater a pandemia, José Tomé subliñou que a institución lucense continuará concorrendo de maneira directa ós fondos europeos de recuperación para impulsar, en colaboración cos concellos, a reactivación da economía, a innovación, e o desenvolvemento sostible do territorio.
Continúa o Plan de Impulso da Economía
No ano 2022, a Deputación de Lugo seguirá colaborando co tecido empresarial e profesional para reforzar o apoio aos sectores produtivos, nomeadamente aos que son estratéxicos para a provincia e aos máis danados pola crise da Covid-19, en concreto, o agrogandeiro, forestal e do mar, o turismo, a hostalería e o comercio de proximidade.
Para iso, asegurou o Presidente, continuará o Plan de Impulso da Economía da Provincia, dotado con 7M€ para axudar á recuperación sostible do tecido produtivo fronte ó impacto da pandemia a través de medidas de apoio directo, de promoción e de incentivo do consumo.
Entre outros proxectos, a Deputación continuará potenciando a Granxa Gayoso Castro, “un motor do sector primario da provincia de Lugo e de Galicia a través do apoio á actividade gandeira, a formación, a innovación e a investigación, en colaboración coa Universidade”, afirmou o mandatario provincial, ademais de “colaborar de maneira directa co tecido asociativo da provincia vinculado a todas as actividades agrogandeiras, forestais e marítimas con distinto tipo de axudas”.
Parque Central de Galicia
En materia de turismo e tamén vinculado co medio ambiente, o Presidente destacou que no 2022 será unha realidade o Parque Central de Galicia, un gran espazo público de 45.000ms2 que a Deputación acondiciona xa para poñer en valor o centro xeográfico galego, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla. Esta iniciativa, subliñou, “será un revulsivo para a economía de Antas e de toda a comarca da Ulloa pola súa capacidade de atracción turística, o que supón tamén unha aposta clara polo reequilibrio territorial, que vai ser útil para fixar poboación no rural, creando actividade económica e emprego”.
Plan de industrialización
Sen embargo, para que a recuperación económica sexa unha realidade, o Presidente subliñou que “é urxente” que a Xunta impulse un plan de industrialización para Galicia e para a provincia de Lugo. “É a administración coas competencias para artellar unha política industrial útil e adecuada ás potencialidades do territorio. Así o establece o artigo 30 do Estatuto de Autonomía”, recalcou.
Máis orzamento para estradas
Polo que respecta á mellora da mobilidade, José Tomé anunciou que no 2022 volverán a subir as partidas para a mellora e mantemento da rede de estradas. A Deputación lucense ten a rede viaria máis extensa de España, con 4.217 quilómetros, e tres veces maior ca da Xunta en Lugo, “o que require un compromiso inversor moi grande”, que, en todo caso, podería ser maior “se o Goberno galego fixera o que ten que facer en materia social, e tamén se asumira estradas que son máis autonómicas ca provinciais”, explicou o Presidente.
O mandatario provincial destacou tamén que a Comisión de Deputacións da FEMP aprobou en setembro a súa proposta para que a entidade municipalista solicite e negocie co Goberno central que haxa fondos europeos de recuperación para mellorar a mobilidade no rural, ampliando a actual disposición, que está encamiñada fundamentalmente a contornas urbanas. “Isto sería determinante para asegurar unhas boas comunicacións entre os concellos rurais e entre estes e as zonas urbanas, algo fundamental para o desenvolvemento equilibrado do territorio, para a igualdade de oportunidades, e polo tanto, para manter a poboación”.




















Foi impartida polo sumiller Alberto Vega. A Masterclass buscou aportar coñecemento, fomentar a posta en valor do produto e seguir reforzando a formación e profesionalización do sector dentro da programación de Ribadeo Sabe. Ata a Praza de Abastos se achegaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. O Ribadeo Sabe terá lugar do 14 ao 17 de maio en 22 locais hostaleiros, que ultiman os preparativos para sorprender con elaboradas e saborosas propostas.
Esta nova publicación, que fai o número 19 da colección periódica do SEVA, recolle unha parte esencial do patrimonio musical e oral do Valadouro. Os compiladores da obra son Manuel Lourenzo —xa falecido—, Isaac Ferreira e Xesús Pisón, quen contribuíron a preservar e poñer en valor este legado cultural.
Nesta edición, a programación céntrase na Idade Moderna en Galicia, combinando sesións teóricas no Real Seminario Conciliar de Santa Catalina con visitas guiadas por Mondoñedo e a súa comarca. O Concello destaca a excelente acollida desta iniciativa e anima a seguir promovendo actividades culturais deste nivel, posibles grazas ao compromiso da USC e ao apoio da Xunta de Galicia.
10:00 h: Apertura do mercado e Andaina histórica por Vilaronte con Moncho Ermida (dificultade baixa). 11:00–14:00 h: Experiencia a cabalo para nen@s (de balde). 12:00 h: Actuación da Charanga Os Sureños. 14:00 h: Sesión vermú con Super Glu. 16:30 h: Contacontos “Contamos contos de lobos” – Ghazafelhos. 18:00 h: Concerto de Tapa D’Orella. Durante a mañá haberá demostración de coiro. Pulpería Suso servirá churrasco, polbo e xamón. Organiza: O Atrio Colaboran: Concello de Foz, Xunta de Galicia, Área de Cultura da Deputación, Centro AD e Fiore Tondo.
Será o sábado 9 de maio ás 20 horas na Casa da Cultura. Homenaxeado: Xesús do Breogán, pola súa contribución á cultura e ao concello. Organiza: Son’s Varadero Foz. Colabora: Concello de Foz
Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
A artista Catuxa Salom presentará o seu espectáculo o sábado 30 de maio, ás 22:30 horas. O concerto forma parte da programación cultural apoiada pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Artye e Urdime. As entradas están dispoñibles de maneira anticipada por 12 euros, mentres que na billeteira do recinto terán un prezo de 15 euros. A venda anticipada realízase a través da plataforma Woutick.



