A Coruña, xoves 15 de setembro de 2022. O concurso escolar da Real Academia Galega sobre Florencio Delgado Gurriarán xa ten gañadores. Os tres colexios premiados a través do proxecto Primavera das Letras polas súas contribucións á divulgación da vida e da obra do protagonista do Día das Letras Galegas 2022 son o CEIP de Seixalbo (Ourense), o CEIP Fondo Nois (Foz) e o CEIP Julio Gurriarán Canalejas (O Barco de Valdeorras).
O colexio de Seixalbo presentou ao concurso Contádenos o voso Día das Letras de Florencio Delgado Gurriarán un vídeo breve, Un minuto con Florencio, que narra a vida do poeta valdeorrés con debuxos e a voz en off de alumnas e alumnos de sexto curso. A videocreación fíxose coa colaboración da canle Tik Tak Draw a partir do guión escrito polo equipo de dinamización da lingua do centro educativo. Suma preto de 6000 visualizacións en Youtube e foi presentada ademais fóra do ámbito escolar na Asociación Cultural As Agromadas de Seixalbo.
Entre outras actividades arredor da celebración do Día das Letras Galegas 2022, o profesorado do CEIP Fondo Nois argallou unha festa galego-mexicana para achegar o alumnado á traxectoria vital de Florencio Delgado Gurriarán, figura destacada do exilio galeguista en México, e amosoulles aos cativos e cativas, a partir dos seus “Poemas mexicanos”, distintas danzas do mundo. Un xogo interactivo sobre a vida de Florencio da man de Coguleo, a mascota da biblioteca escolar, biografías ilustradas, murais ou dramatizacións de episodios da vida do escritor son outras das propostas desenvolvidas dende o centro focense.
Os versos de Florencio Delgado Gurriarán tamén inspiraron o proxecto premiado do CEIP Julio Gurriarán Canalejas do Barco de Valdeorras, a comarca natal do homenaxeado. O colexio presentou a adaptación musical do poema “Aí vén o maio”, un videoclip protagonizado polos nenos e nenas de 5 anos baixo a dirección da súa titora e do mestre de Música. Este é outro dos grandes éxitos escolares das Letras Galegas 2022 en Youtube, onde suma máis de 7000 visualizacións.
Entrega dos premios en outubro
A Real Academia Galega ten previsto entregar os premios a mediados do mes de outubro nun acto co alumnado e o profesorado dos tres centros educativos que terá lugar na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña.
O concurso Contádenos o voso Día das Letras conta co apoio da Deputación da Coruña, que patrocina o proxecto Primavera das Letras dende a súa posta en marcha no ano 2016. A que é a sétima edición desta iniciativa, centrada ata o momento na divulgación da figura á que a Real Academia Galega lle dedicada cada ano o Día das Letras Galegas, estreará este curso unha nova sección para profundar na divulgación da lingua galega entre o alumnado de infantil e primaria que será presentada proximamente.
Primavera das Letras comezou este ano unha nova andaina apostando por novas voces creadoras para contarlles a vida e o legado da figura protagonista do 17 de maio ao público máis novo. Ledicia Costas, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil con Escarlatina, a cociñeira defunta e creadora da serie Os minimortos, asinou a biografía dispoñible na páxina web do proxecto e a ilustradora Blanca Millán foi a encargada de darlle cor. O proxecto tamén ofrece, entre outras propostas, actividades interactivas sobre Florencio Delgado Gurriarán.


























Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
A programación do último trimestre inclúe Maiores con Arte, Moito máis que café, Entre risas e animación domiciliaria. Tras os obradoiros iniciados en maio, o Concello mantén o contacto cos participantes e leva as propostas ás asociacións para facilitar novas incorporacións. Na presentación explicaranse as formas de participación e os servizos dispoñibles. O programa conta co apoio da Consellería de Dereitos Sociais e Benestar do Principado de Asturias.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.
O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.



