“É a primeira muller candidata do Partido Socialista a unhas municipais en Burela e estou convencido de que será a primeira muller Alcaldesa de Burela, pola súa preparación, capacidade de traballo, pola súa experiencia tanto nestes anos como Concelleira, como pola súa traxectoria anterior, polo contacto e diálogo que mantén cos seus veciños, polo perfecto coñecemento do seu concello, e polo seu compromiso e ilusión”
Burela, 1 de febreiro de 2023. Carmela López Moreno, actual Concelleira de Servizos Sociais e Mar do Concello de Burela, foi elixida como candidata do PSOE á Alcaldía do concello mariñano no seo dunha reunión coa militancia que se celebrou onte na vila e que contou cunha alta participación.
Dado que a Executiva do Partido Socialista en Burela non está constituída, corresponde á dirección provincial realizar a proposta da candidatura ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Por iso, convocou unha reunión cos militantes socialistas da localidade, celebrada na tarde noite deste martes na sede burelesa do partido, coa presenza do Secretario Xeral dos socialistas na provincia, José Tomé Roca, xunto á Secretaria de Organización provincial, Pilar García Porto.
No encontro, ao que asistiron un importante número de afiliados e afiliadas, fíxose unha valoración e un análise do traballo realizado no últimos anos polos socialistas, así como dos pasos a dar para fortalecer e dinamizar a agrupación local e para seguir impulsando o futuro do municipio.
Unha análise tras a que se acordou entre todos e todas que a mellor opción para liderar o proxecto do Partido Socialista de cara ás eleccións municipais en Burela e, polo tanto, para encabezar a candidatura é Carmela López Moreno, “que xa vén desempeñando dende hai tempo un gran traballo como Concelleira”, subliñou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia.
“Extraordinario labor do Alcalde e o seu equipo”
José Tomé e o conxunto da militancia participante na reunión puxo en valor o “extraordinario labor para mellorar a vida dos veciños e veciñas de Burela e impulsar o desenvolvemento social e económico deste municipio que fixo durante todos estes anos” o Alcalde, Alfredo Llano García, xunto ó de todo o seu equipo de edís, nomeadamente de Carmela López e de Ramiro Fernández Rey, como Concelleiro, responsable de áreas tan determinantes como Obras e Servizos, Deportes, Turismo e Comercio, e como Secretario Xeral da Agrupación de Burela. Fernández Rey xogou un papel fundamental no proxecto socialista en Burela engranando ademais a acción do grupo municipal coa da agrupación socialista.
O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo recalcou que Carmela López “é a primeira muller candidata do Partido Socialista ás eleccións municipais de Burela e estou convencido de que será a primeira muller Alcaldesa de Burela, pola súa preparación, capacidade de traballo, pola súa experiencia tanto nestes anos como Concelleira, como pola súa traxectoria anterior, polo contacto e diálogo que mantén cos seus veciños, polo perfecto coñecemento que ten do seu concello, das necesidades e das oportunidades de Burela, e polo seu compromiso e ilusión”.
Unha vez elixida no seo da reunión celebrada onte coa militancia, Carmela López presentará nas vindeiras datas a súa candidatura aos veciños e veciñas de Burela, nun acto ó que acudirá o Secretario Xeral do Partido Socialista na provincia, José Tomé Roca.