O titular de Mar defende aumentar os contactos cos representantes do sector marítimo-pesqueiro para manter un diálogo fluído e continuar avanzando cara a unha actividade sustentable tanto en materia socioeconómica como no ámbito medioambiental
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2023. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presidiu hoxe en Santiago o pleno do Consello Galego de Pesca no que se abordaron as previsións e liñas xerais de actuación do departamento. Na súa primeira participación neste foro recoñeceu que son moitos os retos aos que se enfronta o sector e, entre os máis inmediatos, mencionou o salto definitivo ao novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa).
Nesta liña explicou que se pretende poñer en marcha en 2024 dunha rede de oficinas na costa galega que asesore e facilite a tramitación das axudas. O obxectivo é que sexan aproveitadas polo maior número de beneficiarios posible.
Outro dos desafíos máis inmediatos que salientou o conselleiro é o reparto das cotas de pesca en augas da UE para 2024, que culminará en decembro en Bruxelas e que abrirá a porta a fixar posibilidades de capturas plurianuais. A Consellería do Mar pon o foco sobre as propostas da Comisión Europea nas especies con maior incidencia para a frota galega, como o xurelo, a sardiña, a xarda, a pescada, o peixe sapo ou a cigala, entre outras.
Neste sentido, Alfonso Villares, reiterou que os obxectivos fundamentais pasan pola defensa da dimensión socioeconómica do complexo marítimo-pesqueiro galego en equilibrio coa protección do medio ambiente e a sustentabilidade futura da actividade.
Outra das cuestións destacadas polo conselleiro é a necesidade de manter un contacto continuo e un diálogo fluído co sector para reforzar a cogobernanza na xestión da actividade, máxime no contexto actual que dificulta a viabilidade do sector. Ademais comprometeuse a traballar man a man cos seus representantes para preservar a fortaleza dunha actividade que xera riqueza e emprego nas localidades costeiras e que é estratéxica para a economía de Galicia.
Tamén resaltou a importancia de contribuír a facilitar a actividade fronte a impactos como o da guerra en Ucraína e puxo en valor os preto de 15 millóns de euros mobilizados de forma extraordinaria en apoio ao conxunto da cadea mar-industria galega.
Defensa dos intereses da frota
En canto á actividade do sector, Alfonso Villares manifestou que a Xunta velará sempre polo seu futuro e continuará a defender os intereses da frota fronte a actuacións inxustificadas como o veto á pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico Noreste, onde Galicia é a única comunidade que participa como parte coadxuvante no recurso dos palangreiros de Burela ante a Xustiza europea. Ante a ameaza de aumentar as zonas pechadas, o titular de Mar manifestou o compromiso de redobrar esforzos para acabar cuns límites marcados de forma arbitraria, sen medir as consecuencias socieconómicas e sen o imprescindible aval de informes científicos.
Tamén se actuará, engadiu, contra o Plan de Acción da UE para protexer e restaurar os ecosistemas mariños, que inclúe a pretensión de Bruxelas de limitar a pesca de arrastre co risco de que se estenda a determinadas artes menores e destrúa milleiros de empregos.
Co fin de mellorar os resultados do traballo do sector e de poñelo en valor, o conselleiro sinalou que Galicia continuará coa promoción do consumo de produtos do mar en feiras e salóns internacionais con campañas de gran impacto como a das foodtrucks de GALICIA SABE AMAR.
Ademais explicou que nos próximos meses verán a luz iniciativas que sitúan á comunidade como pioneira e que son o lanzamento da Axenda da Economía Azul Sustentable e a presentación do Plan da Cultura Marítima de Galicia. Trátase de dúas ferramentas, sinalou, que redundarán no aproveitamento de todo o patrimonio que rodea aos mares como motores económicos e sociais.
A maiores, Alfonso Villares destacou a intención de reforzar e ampliar o Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia co fin de fortalecer a avaliación dos riscos aos que se enfronta a actividade pesqueira e marisqueira galega ante o cambio climático. En materia de I+D+i destacou os traballos que realiza a Rede entre os Investigadores e o Sector Pesqueiro, Redemar, ao servizo das necesidades reais da pesca e a acuicultura de Galicia.
Atrancos desde o Goberno central
No pleno do Consello Galego de Pesca tamén se analizaron as actuacións da Xunta a favor do sector ante as trabas do Goberno central á súa actividade. O conselleiro criticou que agora que Galicia conta coa Lei de ordenación e xestión integrada do litoral para executar en plenitude as súas competencias sobre o dominio público marítimo-terrestre, a Dirección General de Costas insista en continuar a invadilas.
O último episodio é o recurso ante o Tribunal Constitucional por parte do Executivo central contra varios artigos da lei de acompañamento dos orzamentos galegos que se refiren á xestión do litoral. Alfonso Villares defendeu que a normativa autonómica dá seguridade xurídica e defende os intereses do sector fronte as pretensións do Ministerio para a Transición Ecolóxica de eliminar calquera vestixio humano do litoral, especialmente os relacionados coa actividade económica.
Outras cuestións abordadas no pleno do Consello Galego de Pesca foron a negativa do Executivo estatal a rebaixar o IVE dos produtos da pesca e a conserva e que a día de hoxe siga sen activar un Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) dotado de axudas europeas para a industria do mar. Tamén se manifestou unha crítica conxunta polo feito de que o Goberno central non contase co sector pesqueiro á hora de definir os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) e o acomodo da eólica mariña nos mesmos, que debe ir ligada sempre ao respecto á actividade pesqueira e a preservación do ecosistema.























Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.
Os asistentes puideron coñecer de preto unha particular viaxe que parte de Ribadeo e percorre Galicia en 37 etapas bordeándoa e combinando ciclismo, patrimonio, cultura e paisaxe. Jorge Justo estivo acompañado polo alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e por Pablo Mosquera, ex director do Hospital da Costa (agora Hospital Público da Mariña).
Unha peza de teatro físico e manipulación de obxectos para público infantil e familiar que aborda a meta máis soñada polo ser humano: voar sen ás. Venda de entradas: no teléfono 982560162, en horario, de 9 a 14,00 horas, ou no correo electrónico cultura@viveiro.gal ou na taquilla unha hora antes da función. A cita será ás 18h.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Neste curso a actividade estará dispoñible para as nosas pequenas Xoias e para alumnado externo, cunha sesión semanal, a cargo de Yasmin Toledo e Patrícia Sousa, do equipo de Segunda División. O alumnado poderá escoller o seu horario de adestramento entre os luns (16:00 h.-17:00 h., Vista Alegre) e os venres (19:30 h.-20:30 h., Monte Castelo). A actividade terá un custo de 6€/mes para o alumnado da escola laranxa e 24€/mes para o alumnado externo.
Un particular informou minutos despois das 11 horas deste xoves dun camión que transportaba formigón envorcado no quilómetro 68 da N-640, á altura da parroquia de Ramil (Castro de Rei). Segundo explicou o mesmo alertador, o condutor permanecía no interior da cabina e outros dous turismos estaban implicados no accidente. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros confirmaron que non tiveron que excarcerar, pois a persoa estaba xa fóra do vehículo cando chegaron ao punto. Así, colaboraron na limpeza da vía cos servizos de mantemento da estrada.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.



