Tres puntos fóra da casa moi importantes para manter posicións nos postos de Playoff nun partido no que o porterio burelés, Bruno (“Chispa” entre os seus compañeiros durante a tempada pasada en Burela), luceuse especialmente na primera parte
Burela, 2 de decembro, 2023. Esta tarde ás 17.30h no Ciutat de Castelló xogábase a 11ª xornada da Segunda División de Futsal, Playas de Castellón – Pescados Rubén Burela FS, un encontro retransmitido pola RFEF e moi especial por enfrontarnos a dous antigos integrantes do noso equipo, Bruno e Antón Arnejo, que sufriron ante un conxunto que se mostrou superior durante os 40 minutos, dominando o partido e cun destacado control da posesión do balón durante practicamente todo o xogo. Con 14 minutos de presión con porteiro-xogador por parte do rival o equipo burelense consegue manter o resultado cunha defensa e un Michal exemplares e levar uns 3 puntos moi importantes para manterse nas posicións máis altas da táboa, aínda que tamén para continuar gañando confianza dentro dunha plantilla que aínda nos pode seguir sorprendendo.
As primeiras ocasións máis claras chegan nos minutos 9 e 10 con dous tiros frontais potentísimos que detén Bruno coas mans. No minuto 11 de novo aparecen as mans de “Chispa” para frustrar un disparo directo de falta de Ismael con moi boa puntería. No minuto 12, tras un tempo morto pedido por Manuel Collado o Ciutat de Castelló é testemuña dunha incrible xogada na que tras unha saída de Michal que lla pasa a Isma, este céntraa con gran mestría chegando Charly para rematar de cabeza cun espectacular salto que chega ao balón pero roza o pau. Dous minutos despois Álex García róubaa case na área rival e a lanza por encima do traveseiro, unha das oportunidades máis claras do partido ata o momento. No minuto 16 o conxunto valenciano ten unha ocasión clara, cun roubo de Eusuque e disparo que detén Kaluza. Pero un minuto máis tarde o tamén canteirán burelense Quelle mete o primeiro tanto do encontro cun golazo aproveitando moi ben un pase longo de Kaluza. Remata a primeira parte 0-1 cunha última boa ocasión para o Playas de Castellón nunha falta moi perigosa que saca Guancho cun disparo directo ao segundo pau que o roza saíndo fóra.
Na segunda parte continúa dominando o partido o Pescados Rubén Burela FS, presionando durante os primeiros 6 minutos e xerando numerosas ocasións durante toda a segunda metade. No minuto 23 chega o gol dun Malaguti que levaba buscando a portería durante todo o partido, consegue o 0-2 cun bonito gol tras un xiro fronte á portería dentro da área. Tres minutos despois Charly mete o 0-3 cun golazo pola escuadra tras unha boa recuperación en campo rival. O conxunto castellonense opta por presionar con Barbero de porteiro-xogador a 14 minutos do final do encontro. Táctica que manterá ata o final do mesmo e conseguindo un gol no minuto 32 do mesmo Barbero exercendo de porteiro-xogador nun segundo rexeite tras un paradón de Michal, que coma sempre fixo un partido espectacular e, ademais da sólida defensa dos Pícaros nestes tantos minutos de xogo, foi un papel crave nesta segunda parte.
Unha vez máis o conxunto de David Rial demostrou ser a mellor defensa da Segunda División de Futsal, con 19 goles encaixados, seguido polo UMA Antequera con 25, e continúa escalando postos, situándose cuarto tras o empate do UA Ceutí e a vitoria de O Parrulo que se mantén terceiro. Na próxima xornada os Pícaros enfrontaranse ao Atlético Mengíbar FS en Vista Alegre, un rival perigoso que necesita puntuar para non caer nos postos de descenso.
Ficha Técnica Playas de Castellón – Pescados Rubén Burela FS
Playas de Castellón (1): Bruno; Éric, Guancho, Cola, Antón Arnejo -quinteto inicial-, Henri, Toni, Gensuke, Lorca, S. Barbero, Lemos, Noel Manu.
Pescados Rubén Burela FS (3): M.Kaluza; Lucho, Quelle, Isma, Malaguti -quinteto inicial-, Nico Rosental, Alberto, Flethes, Álex García, Charly, Ismael, Mika.
Goles: 0-1, min.17: Quelle. 0-2, min.23: Malaguti. 0-3, min.26: Charly. 1-3, min.31: S. Barbero.
Árbitros: Jairo Leiva Martínez, David Pizarro Megías, Julio Esteve Ramírez, Judith Martín López.
TA: Charly.


























Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.
Os asistentes puideron coñecer de preto unha particular viaxe que parte de Ribadeo e percorre Galicia en 37 etapas bordeándoa e combinando ciclismo, patrimonio, cultura e paisaxe. Jorge Justo estivo acompañado polo alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e por Pablo Mosquera, ex director do Hospital da Costa (agora Hospital Público da Mariña).
Unha peza de teatro físico e manipulación de obxectos para público infantil e familiar que aborda a meta máis soñada polo ser humano: voar sen ás. Venda de entradas: no teléfono 982560162, en horario, de 9 a 14,00 horas, ou no correo electrónico cultura@viveiro.gal ou na taquilla unha hora antes da función. A cita será ás 18h.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Un particular informou minutos despois das 11 horas deste xoves dun camión que transportaba formigón envorcado no quilómetro 68 da N-640, á altura da parroquia de Ramil (Castro de Rei). Segundo explicou o mesmo alertador, o condutor permanecía no interior da cabina e outros dous turismos estaban implicados no accidente. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros confirmaron que non tiveron que excarcerar, pois a persoa estaba xa fóra do vehículo cando chegaron ao punto. Así, colaboraron na limpeza da vía cos servizos de mantemento da estrada.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.


