A candidata número tres da candidatura socialista pola provincia de Lugo ás eleccións autonómicas xunto á candidata Catalina Fernández e á voceira do PSdeG vicedense denunciou o estado no que está a sanidade, a educación ou a vivenda dende que goberna o PP en Galicia
O Vicedo, 4 de febreiro de 2024. A número tres da candidatura socialista pola provincia de Lugo ás eleccións autonómicas, Mayra García Bermúdez, reivindicou este domingo nun mitin no Vicedo as políticas que José Ramón Gómez Besteiro porá en marcha á fronte da Xunta de Galicia para poder recuperar os servizos públicos que “co PP se viron minguados nos últimos 15 anos”.
García Bermúdez fixo estas declaracións xunto á candidata número nove, Catalina Fernández, e á voceira dos socialistas no Vicedo, María Santaballa. Denunciou que a sanidade, a educación, as pensións ou a vivenda, entre outros servizos públicos que impulsou e mellorou o PSOE, están vivindo os seus peores momentos “nunca a nosa Atención Primaria estivo tan mal, non queremos nin un só concello sen médico nin sen mestre, non o vamos permitir”. Apostando por Besteiro o vindeiro 18-F, significará apostar polos servizos públicos e a creación de emprego, dixo, “afrontaremos un dos maiores retos que temos en todo o país, como é o demográfico”.
Na mesma liña se manifestou Santaballa, quen foi firme ao urxir un Goberno socialista na Xunta para “priorizar a sanidade, a educación e a asistencia social para todos os galegos e galegas, e dende logo, para a veciñanza do Vicedo”.