Deste total, a maioría serán na área sanitaria de Vigo, a máis prexudicada polos recortes da Consellaría de Sanidade
Compostela, 24 de xuño, 2025 A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia denuncia que 2364 persoas deixarán de ingresar nos hospitais galegos entre xuño e setembro deste ano debido á decisión do Sergas de pechar camas este verán. Esta medida non é unha cuestión técnica nin estacional, senón «unha decisión política que compromete a saúde da poboación», denuncia a secretaria de Organización da federación, María José Diéguez.
Desde o sindicato rexeitan as explicacións da Consellaría de Sanidade en defensa da medida, aludindo a unha menor demanda durante o verán. «Este argumento non se sostén, a demanda haina, aí están as listaxes de agarda», expón CCOO. Estes 2364 ingresos serán reprogramados a partir de outubro e, no caso de que non se cumpran os pazos en que debe atendelos a sanidade pública, o Sergas pódeos derivar a centros concertados.
As áreas máis afectadas por esta decisión política son, por orde de maior a menor: Vigo —que concentra a maioría—, A Coruña-Cee e Santiago-Barbanza; a seguir, Lugo, Pontevedra-O Salnés e Ferrol. A única área sanitaria que non prevé peches neste período é a de Ourense.
Máis listaxes de espera e colapso nas urxencias
A Federación de Sanidade de CCOO denuncia que a decisión política da Consellaría, xunto cunha falta de planificación, teñen como consecuencia o incremento das listaxes de espera e o «colapso» dos servizos de urxencias, onde se acumularán doentes «á espera dunha cama que non chega», censura María José Diéguez
E mentres no verán pechan camas, no inverno non abren os hospitais polas tardes. «Por que teima a Xunta en manter as consultas baleiras e en ter a súa tecnoloxía inoperativa nese tempo?», reflexiona a sindicalista. Ao tempo, subliña CCOO leva anos pedindo outro modelo de xestión e planificación para «aproveitar todas as capacidades» do sistema sanitario público.
«Non se pode falar de reordenación nin de xestión intelixente dos recursos cando toman decisións que deixan fóra do sistema máis de dúas mil persoas que teñen dereito a unha atención hospitalaria digna, e dentro do sistema público de saúde», asegura María José Diéguez. «A saúde non se pode suspender catro meses cada ano», conclúe a sindicalista.