A conselleira do Mar puxo en valor accións como a campaña GALICIA SABE AMAR así como a importancia de divulgar as propiedades nutritivas e os beneficios para a saúde que hai detrás do consumo destes alimentos
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2025. A Xunta continúa traballando no impulso de medidas que permitan fomentar o consumo dos produtos pesqueiros entre a cidadanía dado a complexidade do contexto actual de progresivo descenso. Así a conselleira do Mar, Marta Villaverde, tivo un encontro de traballo con representantes das principais cadeas de distribución e comercialización, principais provedores destes alimentos entre a cidadanía, coa finalidade de abordar as medidas para incentivar a presenza do peixe, marisco e conservas na cesta da compra dos consumidores.
Marta Villaverde, acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, tratou os avances na tramitación do Bono Peixe cos responsables de algunhas das principais de empresas de distribución como Velgasa-Eroski, Alcampo, El Corte Inglés, Carrefour, Gadisa e Froiz. Así, a xuntanza serviu para facer seguimento da implantación dos sistemas para o seu funcionamento nestes establecementos, cuxa posta en marcha está prevista nas vindeiras semanas. Esta iniciativa, que impulsa o Goberno galego, está dotada con 2,5 millóns de euros e chegará a 50.000 beneficiarios mediante a distribución de bonos de 50 euros por usuario que poderán ser utilizados ao longo de 10 semanas.
Nesta liña, a titular de Mar destacou o compromiso da Xunta neste ámbito e puxo en valor accións como a campaña GALICIA SABE AMAR que xa percorreu todo o territorio galego levando o mellor sabor das rías galegas. Tamén subliñou a importancia de divulgar as excepcionais propiedades culinarias e nutricionais dos produtos pesqueiros e os beneficios para a saúde que hai detrás do seu consumo. Unha liña de traballo que permitiu situar a Galicia como a segunda comunidade con maior consumo per cápita, 5 quilos por enriba da media estatal.
Rebaixa do IVE
A Administración autonómica leva tempo solicitando, xunto ao sector, unha rectificación do Goberno central ante a súa reiterada negativa a rebaixar o IVE aos produtos pesqueiros. Unha medida que tería un impacto positivo no consumo como avalan estudos das universidades galegas, recomendacións de expertos e as institucións comunitarias. Ademais, está a experiencia positiva de Portugal así como doutros países comunitarios cun gravame inferior para estes alimentos.