Os tres futbolistas sudamericanos convértense nas primeiras baixas do conxunto masculino
Burela, 10 de xuño, 2025. O chileno Araya e os brasileiros Mika e Juninho non continuarán a próxima tempada no Burela FS e convértense nas primeiras baixas oficiais do conxunto masculino da entidade. O club agradece o traballo, compromiso e profesionalidade dos tres futbolistas suramericanos e a maneira na que defenderon a camiseta laranxa durante o tempo que a portaron. Así mesmo, deséxalles a maior das sortes e éxitos nas súas respectivas carreiras deportivas e vidas persoais.
Mika Henrique Deon (Piratuba-Santa Catarina, 2001) chegou ao club mariñao no verán do 2023 procedente do Araz Nakhcivan, da Premier League de Acerbaixán, e durante dúas tempadas fixo un tándem perfecto na portería burelista con Michal Kaluza. Aínda que esta campaña apenas dispuxo de oportunidades, o curso pasado si deixou mostras do seu bo facer e serán recordadas as súas grandes actuacións nos dous derbis diante de O Parrulo, que se saldaron con senllas vitorias do conxunto burelés. Ademais, foi capaz de conquistar a todos os seus compañeiros, técnicos e afeccionados co seu carisma, humor e simpatía. Sempre será lembrado como un dos heroes do último ascenso.
Pola súa banda, Bernardo Jesús Araya Ponce (Santiago de Chile, 1993) arribou a terras mariñás para ser o primeiro chileno en competir na máxima categoría do fútbol sala español. Capitán da selección do seu país, procedía do AFSU Umuarama Futsal brasileiro e xa contaba con experiencia en Europa tralo seu paso polo Nantes Métropole francés. O peche destro da ‘Roja’ achegoulle ao equipo de David Rial desde o primeiro minuto seriedade, experiencia, garra e fortaleza defensiva, prodigándose tamén en labores ofensivos e completando unha gran estrea na Primeira División española. Participou nos 30 partidos de liga regular e achegou cinco tantos.
Finalmente, Wagner Aparecido de Oliveira Junior, ‘Juninho’ (São Paulo, 1996), foi o último en chegar á disciplina burelista o pasado verán, proveniente do Torrense portugués, para debutar no fútbol sala español despois de distintas etapas no país veciño e na súa patria. O á brasileiro foi de menos a máis durante o campionato e deixou mostras do seu caneo e calidade co balón pegado á súa perna esquerda. Juninho estivo presente en 28 partidos e acabou como un dos pichichis do equipo con 10 goles, igualado co seu compatriota Rikelme.