Animan a participar masivamente en defensa da sanidade pública ante o continuo deterioro á que a somete o PP
A Mariña, 10 de xuño, 2025. Ás portas do verán, cando a Mariña multiplica a súa poboación, a sanidade pública na comarca sigue baixo mínimos tanto en moitos centros de saúde coma na atención hospitalaria donde as listas de espera existentes son inadmisibles. A plataforma SOS Sanidade Pública convoca este xoves 12 de xuño en todo o país concentracións en todos os hospitais e centros sanitarios para denunciar a situación e instar ao Sergas e á Xunta a actuar inmediatamente.
Na Mariña a concentración será ás 20:00 diante do Hospital de Burela e ademais de SOS Sanidade convocan tamén a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, e os colectivos “Médicos no Vicedo Xa¡¡” e “En Defensa dos Pacientes da Mariña”.
A Mariña non pode afrontar o verán sen ter garantida a asistencia sanitaria nas debidas condicións
“A poboación non pode aguantar máis esta situación e a Xunta tén que actuar e dotar todos os centros de saúde do persoal necesario tanto de médicos e médicas como de pediatría e enfermería, cubrindo as baixas e as vacacións dunhas e duns profesionais que dan o mellor de sí pero que están sobrecargados e maltratados polo executivo de Rueda” manifestou o responsable comarcal Antonio Veiga que afirmou tamén que “a nosa comarca, non pode afrontar o verán sen ter garantida a asistencia sanitaria nas debidas condicións, máxime cando a poboación nesta época vese incrementada, duplicándose e incluso triplicándose en moitos casos”.
Pola súa banda, o deputado Daniel Castro insitíu en que “na Mariña xogámonos moito, xogámonos a nosa saúde porque a sanidade pública atravesa un dos seus peores momentos, e con máis gravidade aínda na nosa comarca, polo que é necesario que a resposta a esta convocatoria sexa masiva para que o PP rectifique”.
E recordou tamén as múltiples iniciativas que trasladou ao Parlamento relacionadas coa atención primaria nos centros de saúde e tamén coa atención hospitalaria. “Temos que mobilizarnos para rematar coas listas de espera inxustificables e tamén para rematar coas derivacións a Lugo, totalmente inadmisibles, porque temos dereito a unha sanidade de calidade e proximidade, nos nosos centros de saúde e no Hospital Público da Mariña” concluíu.