Non pode quedar impune a violencia institucional do PP, proclamando entre aplausos a inocencia do imputado e cuestionando a veracidade da denuncia, alega
Santiago de Compostela, 12 xuño 2025. A portavoz nacional, Ana Pontón, volveu pedir a comparecencia no Parlamento do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, polo caso Villares e reclamou que o Goberno do PP aplique a Lei galega de Violencia de Xénero ofrecéndolle á vítima a posibilidade de presentarse como acusación particular para acompañala no proceso xudicial.
“Queremos trasladarlle unha mensaxe moi clara á sociedade e moi especialmente ás mulleres deste País que é que non imos permitir que o encubrimento dun presunto asesor por parte do señor Rueda durante meses quede impune”, indicou nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que estivo acompañada das deputadas do grupo parlamentario do BNG.
Pontón considerou inaceptable que as mulleres galegas “pensen que non merece a pena denunciar unha agresión sexual ou calquera outro caso de violencia de xénero porque corre o risco de que o Goberno, co seu presidente á cabeza, cuestione a denuncia”.
“Tampouco imos permitir que quede impune que o propio goberno, co seu presidente á cabeza e desde a sede oficial da Xunta, proclamara a inocencia dun conselleiro que estaba denunciado por unha agresión sexual e que o despedira entre eloxios e aplausos, o que, de facto, supón cuestionar a veracidade da denuncia”, afondou.
Logo de recalcar que a que ten que xulgar os feitos denunciados é a xustiza, á que pediu ir “até as últimas consecuencias”, a líder nacionalista esixiu “responsabilidades políticas” pola xestión que fixo o titular do Executivo ante o caso Villares. “É evidente que o señor Rueda ten moitas preguntas que responder”, subliñou, máis despois do “exercicio de escapismo político” que realizou onte na sesión de control, onde non quixo ofrecer ningún tipo de explicacións sobre o acontecido.
Neste sentido, cuestionou por que o presidente mantivo no cargo a un conselleiro e amigo persoal pese a que era coñecedor desde febreiro da denuncia por agresión sexual e por que “non o cesou de inmediato” e lle permitiu continuar no cargo até xuño, “usando a sede da Xunta para proclamar a súa inocencia entre aplausos dos membros do goberno”, subliñou.
“Queremos saber por que o señor Rueda organizou un acto de despedida e homenaxe entre eloxios e abrazos, reforzando a idea da inocencia dun denunciado por agresión sexual”, continuou Pontón, quen cualificou de “violencia institucional” un acto que lanza a mensaxe á sociedade de que “o presunto agresor é inocente” e que, polo tanto, “cuestiona a denuncia da vítima”. “É gravísimo”, apostillou.
A portavoz do BNG tamén preguntou como é posible que “se tardara meses en informar desa denuncia e horas en difundir o nome da vítima, supostamente dende o entorno do conselleiro, como informaron varios medios de comunicación” ou “por que se usan os medios públicos e as redes sociais para desenvolver unha campaña de apoio ao presunto agresor mentres se ignora á muller que presentou a denuncia”.
“E queremos saber por que estivemos pagando o salario durante meses dun presunto agresor sexual, porque é moi forte que as mulleres deste País pagasen o salario dun conselleiro que tiña presentada unha denuncia por agresión sexual”, engadiu.
Para dar resposta a todas estas cuestións, considerou unha “obriga democrática” a comparecencia de Rueda na Cámara. “Esperamos que non se esconda e que veña ao Parlamento a dar explicacións aos representantes da cidadanía e ao conxunto das galegas e dos galegos ante a xestión dun caso que é totalmente indigna”, reclamou.
Ademais da comparecencia do titular do Executivo, Pontón pediu á Xunta que dea cumprimento á Lei galega de Violencia de Xénero, utilizando os mecanismos previstos concretamente no seu artigo 30 e ofrecéndolle á vítima a posibilidade de presentarse como acusación particular. Un ofrecemento que, apuntou, podería ser unha reparación “despois do espectáculo grotesco” desta última semana protagonizado por Rueda e o resto de integrantes do Goberno do PP.
“O presidente da Xunta ten a obriga de comparecer no Parlamento para dar explicacións ante un caso tan grave e tamén debe cumprir a Lei de Violencia de Xénero e poñerse a disposición da vítima, posibilitándolle que o Goberno se presente con ela como acusación particular”, resumiu. “Rueda ten que rectificar, deixar de poñerse do lado do presunto agresor sexual, por moi amigo seu que sexa, e poñerse do lado da vítima, ofrecéndolle todo o apoio previsto na lei, porque é o mínimo despois do espectáculo grotesco que vimos ao longo desta semana”, concluíu.