O proceso celebrarase este venres, 6 de xuño, no salón de actos do edificio multiusos da Xunta
Lugo, 4 de xuño de 2025. O próximo venres, 6 de xuño, terá lugar a IX Asemblea Comarcal da CIG de Lugo- A Mariña na que participarán 180 delegados e delegadas que escollerán a nova Secretaría e a Executiva Comarcal, así como as persoas que formarán parte do Consello Confederal da CIG (máximo órgano de dirección da central sindical entre congresos).
Rematado o prazo de presentación, a este proceso concorre unha única candidatura para a Secretaría Comarcal, a de Lois Neto López. De igual xeito, a lista encabeza por Neto é a única que se presenta para a Executiva Comarcal e para a elección das persoas do Consello Confederal.
A IX Asemblea desenvolverase no salón de actos do edificio da Xunta de Galiza (Ronda da Muralla, 70) baixo o lema “A forza da nosa clase. Traballo, dereitos, soberanía” e dará comezo ás 16:00 horas coa recepción e acreditación das persoas delegadas. O acto de clausura, no que intervirá o novo secretario electo, está programado para ás 19:45h e está aberta aos medios de comunicación.
Durante o encontro tamén se debaterá e votará o informe de xestión da Executiva Comarcal saínte, no que se avalía o traballo sindical realizado nos últimos catro anos e se destaca o papel protagonista da CIG na conflitividade laboral e na mobilización social. Tamén se subliña o importante medre en representatividade logrado pola CIG neste período, no que pasou de ser terceira forza na provincia de Lugo a empatar con CCOO e a quedar a tan só dous puntos de UGT.