Ribadeo, 22 de xullo de 2025. A tenda ribadense de moda infantil e complementos Querocolo acaba de integrarse na Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo. A propietaria do establecemento, Tania Fernández, decidiu formar parte deste colectivo porque considera que “hoxe en día o pequeno comercio só lle pode facer fronte ás grandes cadeas e ás ventas por Internet se é de forma unida e con iniciativas que fomenten o comercio local”.
Querocolo abriu en 2015 da man de Raquel Pernas e anos despois, en 2024, comezou unha nova etapa con Tania Fernández á fronte. Está na rúa Ramón González da vila ribadense e é unha tenda de moda infantil e complementos como sacos e bolsas para o carro, mantas, xoguetiños, muselinas, mordedores, babeiros, etcétera. Aínda que a súa especialidade son os bebés, tamén teñen prendas de vestir ata a talla 6 anos.
Tania Fernández explica que en Querocolo “faise unha aposta pola calidade e o bo deseño á hora de seleccionar os produtos, con marcas nacionais como Pangasa, Paz Rodríguez, Uzturre, Babidú, Cóndor ou Monnuage e internacionais como Play Up, Maileg e Mushie, entre outras”.
Tania Fernández é licenciada en Comunicación Audiovisual, “así que nada que ver co comercio. Por circunstancias persoais acabei traballando en comercio e cando Raquel me ofreceu coller o traspaso da tenda, pareceume unha boa oportunidade para poder conciliar mellor”, comenta a propietaria de Querocolo.