Alfoz, 10 de xullo de 2025. O Pleno do Concello de Alfoz aprobou hoxe o orzamento municipal para o exercicio 2025, que acada a cifra histórica de 3.108.296,98 euros. Supón un incremento de medio millón de euros respecto ao exercicio 2024, no que se aprobara un orzamento de 2.606.835,89 euros.
Este crecemento vén da man dun importante aumento das subvencións finalistas doutras administración, froito dunda excelente xestión do goberno municipal con todas as administracións, e dunha planificación financeira realista e prudente, que garante os investimentos sen aumentar os impostos.
Segundo explicou a alcaldesa, Efigenia Maseda Paz, “é un orzamento que reflicte o compromiso co futuro de Alfoz. Seguimos avanzando en servizos, en infraestrutura e en calidade de vida, sen comprometer a nosa saúde financeira. Non temos débeda e cada euro que entra invístese pensando na veciñanza”.
Un dos piares principais do orzamento é o forte incremento nas partidas de investimento, que superan os 1,1 millóns de euros. Entre as actuacións máis destacadas figura o proxecto de mellora da eficiencia no ciclo da auga, cun investimento previsto de 413.059,14 euros, dos cales 372.449,83 serán financiados a través do PERTE de dixitalización do ciclo da auga.
Este programa, financiado con fondos europeos, ten como obxectivo mellorar a eficiencia na xestión do recurso hídrico mediante actuacións que combaten as perdas de auga, dixitalizando a rede de abastecemento e fomentando o uso sostible da auga. No caso de Alfoz, permitirá modernizar a rede municipal, contribuíndo ao aforro e á mellora na calidade do servizo.
Así mesmo, mantense a aposta polos programas sociais, en especial o Servizo de Axuda no Fogar e manténdose as subvencións nominativas e en réxime de concorrencia ás entidades veciñais, educativas, culturais e deportivas.
O documento cumpre cos principios de estabilidade orzamentaria, sen operacións de crédito nin aumento da débeda, que se mantén en 0 euros, o que permitirá verse incrementado ao longo do ano coa incorporación de remanentes de tesourería, mediante as correspondentes modificacións de crédito. Estes fondos, procedentes da liquidación do exercicio anterior, permitirán financiar novos proxectos ou reforzar partidas existentes, ofrecendo unha marxe adicional de acción ao Concello.
Entre os proxectos máis destacados que se pretenden impulsar a través destes remanentes está a redacción dun PEPRI (Plan Especial de Protección e Reforma Interior) para o núcleo histórico de Castro de Ouro. A redacción deste instrumento de planeamento é o primeiro paso para a tramitación dunha ARI (Área de Rehabilitación Integral), que permitirá a rehabilitación e posta en valor do casco histórico, debido a seu gran valor patrimonial.
En palabras da rexedora local, “a tramitación da ARI é unha das principais aspiracións deste goberno municipal, agora que temos aprobado o Plan Básico Municipal. Queremos poñer en valor o noso patrimonio e facilitar que a veciñanza poida rehabilitar as súas vivendas con apoio das administracións”.