Os deportistas da ACD Ujeong conseguiron catro medallas no Open Internacional da Alcarria
Viveiro, 1 de xullo de 2025. Os taekwondistas de Viveiro veñen de pechar a temporada cuns excelentes resultados nas derradeiras probas do curso. Valeria Fernández Vilar proclamouse campioa galega en categoría promesas combate –P8– na competición celebrada en Cangas (Pontevedra); ese resultado permitiulle unificar os títulos de campioa provincial e autonómica escolar de combate.
Outros membros da ACD Ujeong de Viveiro, que competiron co Club Jansu de Vilalba, acadaron tamén bos resultados no Campionato Provincial Escolar. En categoría precadete, Marius Adrian Chitu, Daniela Lamelas e Felicita Gutiérrez conseguiron tres medallas de prata. Ademais, Nicolás López acadou o quinto posto. En categoría infantil, Roberto Fernández e Xenxo Romero conseguiron dous subcampionatos.
No Campionato Autonómico escolar, o equipo vivariense logrou unha medalla de bronce por medio de Roberto Fernández; mentres que Marius Adrian Chitu, Daniela Lamelas, Xenxo Romero e Felicita Gutiérrez acadaron cadanseus quintos postos.
Ademais, Valeria Fernández Vilar e Yeray López Escourido desprazáronse o pasado fin de semana ao cuarto Open Internacional da Alcarria, en Azuqueca de Henares (Guadalaxara), un dos torneos máis recoñecidos no ámbito nacional. Valeria Fernández Vilar conseguiu a prata en técnica cadete adulto individual, o bronce en técnica parellas cadete e o bronce en combate cadete, en menos de 55 quilos. Yeray López Escourido, pola súa banda, acadou a prata en combate júnior (ata 59 quilos) e o sexto posto en técnica júnior adulto.
Tras pechar a tempada de competición, o club centrarase no campus de verán da ACD Ujeong, coa vista posta nos primeiros Xogos Nacionais de Combate e no Campionato de España de Clubs, que se celebrarán en novembro e decembro na Nucia (Alicante).
Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, felicitou aos deportistas viveirenses polos logros acadados: «Sentímonos orgullosos de contar con mozos e mozas que levan o nome de Viveiro aos podios autonómicos e nacionais cunha dedicación constante e exemplar. Dende o Concello seguiremos apoiando o deporte base e competitivo como ferramenta de formación».