“É unha irresponsabilidade asumir o colexio de Celeiro nas condicións actuais, en ruínas e sen garantías”
Viveiro, 10 de xullo de 2025. O PSdeG-PSOE de Viveiro criticou no pleno do mércores que a primeira moción presentada por PorViveiro desde que accedeu ao goberno local, case catro meses despois da moción de censura, se limitase a atacar ao anterior executivo en lugar de propoñer solucións reais.
A proposta, centrada na situación do antigo Colexio Celeiro, foi cualificada pola voceira socialista, María Loureiro, como un exercicio de populismo e confrontación. Advertiu que “non se pode cargar ao Concello cun edificio ruinoso e sen garantías”.
Loureiro lembrou que durante o mandato socialista se fixeron todas as xestións posibles para conseguir a cesión do inmoble. Inicialmente, foi ofertado ao Concello por 700.000 euros, “tal e como estaba”, unha cifra inasumible e “unha barbaridade” polas pésimas condicións da estrutura. Posteriormente, tras diversas xestións e reunións, abriuse a porta a unha cesión gratuíta, pero cunha condición: o Concello tería que asumir o edificio sen ningunha mellora previa.
“O problema non é de “gobernos amigos” como di o señor Bernardo, senón de legalidade e normativa estatal”, sinalou Loureiro, que acusou a PorViveiro de querer simplificar un asunto complexo só para confrontar. “A Tesourería Xeral da Seguridade Social é un organismo autónomo, con criterios técnicos e patrimoniais que non dependen do goberno local”, engadiu.
A voceira explicou que o anterior goberno solicitou que, polo menos, se acometese a reparación da cuberta, valorada pola unidade técnica en máis de 200.000 euros. “Non podiamos aceptar a cesión dun edificio que segue tendo filtracións e humidades, porque iso suporía unha carga económica máis e un risco para a súa conservación”, advertiu. Ao negarse a Tesourería a realizar esa obra, o inmoble foi sacado a poxa pública, pero quedou deserta.
“A realidade é que a Escola Vella de Celeiro está en estado ruinoso. Tendo en conta que neste momento xa é difícil manter o que temos: o conservatorio, o teatro, os centros sociais, etc., non sería responsable aceptar outro edificio sen recursos para arranxalo”, afirmou Loureiro.
“Nós fixemos as xestións necesarias, sen vender fume, e seguimos mantendo a mesma postura: se arranxan a cuberta, apoiamos a cesión, e despois xa se poderá rehabilitar o resto por fases e con seguridade”.
Loureiro concluíu lamentando que a primeira acción política do novo goberno fose empregar un tema serio para facer oposición ao anterior executivo: “Vivimos nun tempo no que o fácil é buscar culpables, pero o difícil e necesario é gobernar con responsabilidade”.