Viveiro, 28 de xullo de 2025. Esta mañá tivo lugar no Concello de Viveiro a presentación da XLVII edición da Gran Tirada Concello de Viveiro, unha das citas máis destacadas do calendario galego de tiro ao prato, organizada polo Club de Tiro San Roque e que se celebrará o 15 de agosto no campo de tiro da cidade.
A presentación contou coa presenza da alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, acompañada de Juan Casabella e Antonio Novo, membros da directiva do club organizador. A rexedora quixo destacar a longa traxectoria desta proba, “que ano tras ano consolida a súa importancia no panorama deportivo e contribúe tamén a dinamizar a nosa vila durante o verán”.
A competición dará comezo ás 9:00 horas e prolongarase ao longo de toda a xornada. A tirada está limitada a 84 participantes, que xa cubriron a totalidade das prazas dispoñibles, o que demostra a gran acollida e interese que esperta este evento.
Repartiranse arredor de 6.500 euros en premios, distribuídos por categorías, ademais de trofeos específicos para damas, veteranos, veteranos máster e junior.
O Concello de Viveiro colabora activamente con esta cita, recoñecendo o labor do Club de Tiro San Roque e o seu compromiso coa promoción do deporte.