O novo accidente no Fiouco reaviva demandas do BNG para mellorar a seguranza na A-8 e urxe o Goberno a actuar xa contra os problemas crónicos da autovía ao seu paso pola Galiza
Madrid, 4 de xullo, 2025. O deputado no Congreso, Néstor Rego, reclama “solucións estruturais” coa execución inmediata das medidas comprometidas: “non chegan as balizas, non máis parches”.
O Alto do Fiouco presenta, desde a súa inauguración en febreiro de 2014, graves problemas de falta de seguranza viaria pola presenza das persistentes néboas endémicas deste tramo, especialmente nos meses de xuño e xullo. De feito, foi a brétema a responsábel de que, poucos meses despois de que entrara en funcionamento, o 26 de xullo, tivera lugar un grave accidente en cadea que causou a morte dunha persoa.
Infelizmente, o problema segue sen ter solución, e na mañá deste venres 4 de xullo rexistrouse un novo accidente múltiple, con varios coches implicados e unha moto, no quilómetro 547 da A-8, á altura da parroquia de Argomoso (concello de Mondoñedo), no tramo do Alto do Fiouco, co resultado de varias persoas feridas e que obrigou a cortar a estrada entre os quilómetros 534 e 552
Desde o 2014, o BNG ten reclamado de forma reiterada a urxencia de que se adopte unha solución técnica moderna e avanzada que permita o tránsito de forma segura pola autoestrada e que evite a necesidade de fechar a autovía ante o aviso de brétema e desviar o tráfico pola N-634, estrada necesitada de melloras e nada adaptada para absorber o tráfico, especialmente nos períodos de verán nos que se incrementan os desprazamentos.
“Como temos subliñado en distintas iniciativas”, o Ministerio segue a estudar opcións técnicas que permitan atallar o problema, porén máis de 10 anos despois o problema segue sen solución definitiva. Polo momento, só se instalaron unhas balizas intelixentes con luces led nas marxes da vía que melloran a visibilidade cando a néboa non é moi intensa e permitiron reduciron os cortes na A-8, mais non solucionan o problema estrutural.
A A-8 precisa de solucións definitivas e fiábeis no Alto do Fiouco que permitan a circulación segura ante as frecuentes situacións de néboas intensas, fenómeno endémico da zona. O Ministerio debe adoptar as medidas precisas para garantir a seguranza viaria e a operatividade dunha autovía na que foron investidos millóns de euros e que é necesaria para a mobilidade da comarca da Mariña.
Polos motivos expostos, o BNG formula as seguintes preguntas dirixidas ao Goberno:
1. Cando entrarán en funcionamento as novas medidas técnicas permanentes que permitan o tránsito seguro polo Alto do Fiouco mesmo con presenza de brétema na zona?
2. Que avaliación fai do novo accidente múltiple rexistrado este venres 4 de xullo, con varios coches implicados e unha moto, no quilómetro 547 da A-8, á altura da parroquia de Argomoso (concello de Mondoñedo), no tramo do Alto do Fiouco, con varias persoas feridas? Funcionaron as balizas intelixentes de sinalización existentes na actualidade? Se a néboa era tan intensa que non eran suficientes as balizas para asegurar a condución segura porqué non se fechou o tráfico nese tramo da autovía nesta ocasión?
3. Acometerá as actuacións precisas á maior brevidade posíbel para solucionar de forma definitiva os problemas de seguranza viaria no Alto do Fiouco na A-8 apostando por unha solución técnica avanzada que permita a circulación nesta zona caracterizada polas intensas néboas?
4. Ten previsto acometer outras actuacións neste tramo A-8 para a mellora do firme actualmente en mal estado? Ten previsto outras actuacións para a mellora da N-634 que debe absorber o tráfico cando se producen os fechamento na A-8? De ser así cando e que actuacións prevé realizar?