Durante a festa haberá un posto de seguridade e instalarase un punto lila
Cervo, 4 de agosto, 2025. O Concello de Cervo celebrará o vindeiro sábado 9 de agosto a cuadraxésima edición da Festa da Maruxaina, unha cita declarada de Interese Turístico Galego, que converterá San Cibrao nun auténtico fervedoiro de tradición, cultura mariñeira e participación veciñal.
Con motivo do seu 40 aniversario, a programación inclúe propostas para todas as idades, mantendo viva a esencia desta festa que une o pobo co mar e coa lenda da Maruxaina.
As actividades comezan xa o mércores 6 e o xoves 7 de agosto coa celebración da II Experiencia Sereas e Tritóns, unha actividade acuática na piscina de Río Cobo dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 13 anos (de 10:00 a 14:00 h). As persoas interesadas en participar poden anotarse e recibir máis información no teléfono 629083548 (o custe da actividade é de 10 euros por neno/a)
O xoves e o venres como novidade haberá tamén viaxes en barco ós Farillóns dende o porto de San Cibrao, en horarios de mañá e tarde (11:00, 12:00, 16:00 e 17:00 h). Anotan alí mesmo para participar na actividade.
O xoves pola noite, ás 22:30 h, terá lugar o concerto da Charanga Mekánika Rolling Band na Praza dos Campos.
O venres 8 de agosto celebrarase a Pre-Maruxaina, que comezará ás 19:00 h co gran chupinazo na praza Nardo Martínez. A continuación, terá lugar a concentración de Maruxain@s cunha degustación popular de empanadas e bolos preñados a prezos populares. A festa continuará co ambiente dos Cantos de Taberna, polas rúas e bares da vila, da man dos grupos Cantaberneiros, No Combarro e Os Chiribicos.
Ás 21:00 h, a Asociación Amigos da Maruxaina celebrará o nomeamento d@ Maruxain@ de Honra 2025, nun acto que estará amenizado polo grupo A Rebolaxe, acompañado polos gaiteiros de San Cibrao.
O sábado 9 de agosto, día grande da festa, comezará ás 11:00 h cun novo chupinazo e pasarrúas a cargo das charangas e gaiteiros. Ás 12:00 h, na Prazoleta, comezará o desfile popular “Engaiolamos á Maruxaina”, ao son do corno mariñeiro e das gaitas. A música seguirá ás 12:30 h coas actuacións das charangas Os Celtas, Tambukada, Louband Street Band e Os Atrevidos, que percorrerán as rúas de San Cibrao.
Xa pola tarde, ás 18:30 h, a Praia do Torno acollerá os Xogos na Praia da Maruxaina, con competicións populares como carreira de sacos, corda e proba da carretilla, organizadas pola Asociación Mar de San Ciprián.
Un dos momentos máis emblemáticos da festa terá lugar ás 23:00 h, coa celebración do Desembarco da Maruxaina na Praia do Torno. Mariñeiros e maruxain@s acompañarán a figura desta mítica serea guiada por sinais luminosas dende A Anxuela ata a praia, onde será recibida con entusiasmo e un espectacular show de fogos de artificio.
Ás 00:00 h, terá lugar o Xuízo Popular á Maruxaina, unha representación teatral que será seguida da súa escolta festiva polos gaiteiros, mariñeiros e grupo de danza ata a praza, onde o Grupo Folclórico Mistura ofrecerá unha actuación especial para conmemorar o 40 aniversario da festa, coa colaboración de Amigos da Maruxaina e Mar de San Ciprián.
A xornada rematará coa gran verbena, a partir das 01:30 h, coa música das orquestras Fénix e Arizona, que farán bailar ao público ata ben entrada a madrugada.
O operativo de seguridade da festa foi definido na Xunta Local de Seguridade celebrada días atrás, na que participaron a alcaldesa, a Subdelegación do Goberno, a Policía Local, a Garda Civil, a Garda Civil de Tráfico e a Policía Autonómica, para garantir que todas as actividades se desenvolvan con normalidade e seguridade.
Dende o Concello de Cervo fan un chamamento á participación veciñal e á chegada de visitantes: “Celebramos 40 anos dunha festa que é parte da nosa identidade como vila mariñeira. É unha celebración onde tradición, cultura e convivencia se dan a man. Queremos que todas as persoas que veñan a San Ciprián gocen da festa con alegría e respecto, mantendo vivo o espírito orixinal da Maruxaina”, apuntan.