A Xunta de Goberno deu luz verde a un convenio coa Federación Galega de Comercio para poñer a disposición dos consumidores de comercio de proximidade 90 bonos por un importe de 250€ para facilitar a volta ao cole este curso cun investimento de 50.000€
Lugo, 1 de agosto de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres investir preto de 100.000€ para fortalecer o tecido produtivo da provincia a través de diferentes acordos. A Voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, deu conta esta mañá dos dous convenios que se sacaron adiante na sesión semanal coa Federación Galega de Comercio e coa Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU) respectivamente.
Dunha banda, explicou que a Deputación de Lugo achegará 50.000€ aos comerciantes da provincia para poñer á disposición dos consumidores de comercio de proximidade, 90 bonos por importe de 250€ cada un, para facilitar a volta ao cole este curso.
Unha iniciativa da que, segundo avanzou García Porto, “daremos conta con detalle a finais do mes de agosto, e que ten como obxectivo financiar unha actividade que dinamiza a economía da provincia, fortalecendo ao tecido comercial e potenciando a participación dos consumidores. Axudando ademais a moitas familias nunha época difícil polo volume de gasto”.
Ademais a Xunta de Goberno deu luz verde a un convenio con AELU para colaborar nos gastos do programa Galatea. Explicou a Deputada que esta actuación contará cunha achega da Deputación de 40.000€ e que a través da cal “ofreceremos asesoramento en cuestións de marca persoal, comunicación dixital, planificación financeira, conciliación e xestión do tempo ou asesoramento xurídico-fiscal; e tamén formacións relacionadas co mundo dixital e a comunicación, coaching empresarial, xestión do estrés ou creatividade”.
Está previsto chegar a unhas 70 mulleres da provincia a partir do mes de setembro, nunha iniciativa que se prolongará ata finais de ano.
Hortos urbanos nos Paxariños
No que ten que ver coa Cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno sacou tamén adiante un acordo entre a Deputación e o Concello de Lugo para cooperar na xestión e mantemento dos hortos urbanos no parque dos Paxariños. Mediante este acordo, a Deputación de Lugo comprométese a asumir a xestión dos 32 espazos de cultivo –que se distribúen en algo máis de 1.000 metros cadrados- situados entre a ladeira de Fontiñas e o paseo fluvial do Rato, ó lado do barrio lucense de Xuíz.
O contrato desenvolverase en dous anos, estes últimos 5 meses do 2025 e ata os 7 primeiros do 2027; cun custe total para a Deputación de Lugo de preto de 57.000 (56.980,36€). “O que pretendemos con este acordo é mellorar a eficiencia na xestión destes espazos, reducindo duplicidades de gasto. Como sabedes, a Deputación xa xestiona con éxito outras 150 parcelas no Parque do Rato, co 100% de ocupación, polo que ten unha experiencia exportable a estes novos terreos”.
No caso dos terreos situados nos Paxariños, o Concello tiña asignados 31 das 32 parcelas dispoñibles, polo que eses beneficiarios poderán utilizar estes terreos de xeito gratuíto por un período de dous anos, prorrogables por outros dous. Durante ese tempo, explicou García Porto, contarán cun servizo de mantemento e de asesoría que a Deputación lles porá a disposición de balde. E terán a obriga de manter os hortos en boas condicións, reservándose a institución provincial o dereito a reclamalos en caso contrario.
O horto que queda dispoñible adxudicarase a través dun proceso de concorrencia competitiva, no que primarán criterios sociais, como estar en situación de desemprego ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social, entre outros.
Resolución provisional das axudas para as Reservas
Aprobada tamén a resolución provisión da concesión das diferentes liñas de axudas nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. Concretamente, a institución provincial puxo a disposición de entidades e colectivos sen ánimo de lucro que traballan por estes territorios 340.000€.
Dunha banda, a Deputación resolveu sobre as solicitudes da nova liña de axudas que sacou este ano a institución provincial para financiar investimentos que promovan a posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios e que estaba dotada con 150.000€. “Recibimos un total de 11 solicitudes en Terras do Miño e 7 nos Ancares Lucenses. E foron concedidas o 100% das axudas en ambos territorios”, informou Pilar García Porto.
Os solicitantes recibirán unha contía de entre 2.000 e 12.000€ para a reposición de sendas e camiños; a conservación de elementos culturais e etnográficos como hórreos, pallozas ou muíños; proxectos que promovan a información e a divulgación do patrimonio das Reservas como páxinas webs ou aplicacións; ou iniciativas para o fomento de emprego e a produción local tradicional.
Por outra banda, quedaron tamén resoltas, de xeito provisional, as solicitudes da liña de axudas “que leva anos funcionando moi ben” destinada a financiar as actividades impulsadas por estas entidades. “Recibimos un total de 33 solicitudes en Terras do Miño e 16 nos Ancares Lucenses. Foron concedidas o 100% das recibidas nos Ancares e 31 das 33 de Terras do Miño”. Explicou a Deputada que as dúas desestimadas foron porque o ámbito de actuación de unha delas non se correspondía cos concellos que integran a Reserva; e a outra porque o importe da subvención a conceder era menor do mínimo establecido na convocatoria.
Neste caso os solicitantes recibirán entre 1.000 e 7.000€ por proxecto. “Como sabedes, este ano decidimos subir o seu orzamento conxunto desta liña de axudas nun 72% ata os 190.000€”.

























Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.
O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



