162 autocaravanas, campers e vehículos similares chegados desde Galicia e o norte peninsular déronse cita este sábado nunha xornada que, ademais do acto de inauguración, incluiu tamén a celebración da II Foliada de Pastoriza e os Cantos de Taberna nos que participaron once grupos tradicionais
A Pastoriza, 16 de maio de 2026. O Concello de Pastoriza inaugurou este sábado a súa nova área de autocaravanas, unha das máis grandes de Galicia, concibida para impulsar o turismo e dinamizar a economía local. A infraestrutura, situada nun enclave estratéxico xunto á piscina municipal, o circuíto de kárting e o inicio dunha ruta de sendeirismo, contou cun investimento de case 69.000 euros a través do Plan de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo. O espazo dispón de 42 prazas e ocupa unha superficie de 3.000 metros cadrados.
A resposta do sector foi extraordinaria: 162 autocaravanas, campers e vehículos vivenda chegados de toda Galicia e do norte peninsular déronse cita no municipio, pertencentes á Asociación Galega de Autocaravanas (AGA) e ao colectivo PEKA.
Acto institucional e participación
A inauguración oficial contou coa presenza do tenente de alcalde, Marcos García Lombardero; a presidenta da AGA, María del Mar García Pena; e o deputado provincial de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto, quen destacou que “é un pracer ver como o que un día foi un proxecto é agora unha realidade ao servizo de veciños e visitantes”.
Tamén asistiron representantes municipais e autonómicos, entre eles a deputada do Parlamento de Galicia Raquel Arias; o senador José Manuel Balseiro; o voceiro do PP na Deputación e tenente de alcaldesa de Lugo, Antonio Ameijide; e o deputado provincial e alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias.
O acto incluíu a izada da bandeira, a interpretación do himno, o descubrimento dunha placa conmemorativa e o tradicional corte de cinta. O Grupo de Baile e Música de Pastoriza puxo o acompañamento artístico.
Unha infraestrutura para dinamizar a economía local
A área sitúase a só seis quilómetros do nacemento do río Miño e preto de recursos naturais, culturais e deportivos que o Concello quere poñer en valor. O tenente de alcalde, Marcos García, subliñou que esta infraestrutura “permitirá que quen nos visite desfrute dunha contorna única e contribúa a dinamizar a hostalaría e o comercio local”.
Tamén agradeceu a colaboración das administracións implicadas, dos traballadores municipais e, de maneira especial, dos gandeiros e veciños que cederon os terreos: “Hoxe inauguramos unha nova área de autocaravanas, pero tamén unha nova oportunidade para seguir abrindo Pastoriza ao turismo e á posta en valor do noso patrimonio natural, cultural e humano”.
Pola súa banda, o deputado Francisco Cajoto lembrou que o Plan Deputación é “un dos principais instrumentos de cooperación municipal” e que proxectos como este “reforzan a oferta turística da comarca e da provincia”.
Música, sendeirismo e tradición durante toda a xornada
A inauguración enmarcouse nunha ampla programación festiva vinculada á II Foliada de Pastoriza e aos Cantos de Taberna, organizados polo Concello en colaboración con Asapa e a asociación cultural e deportiva Miño Vivo.
A xornada comezou coa ruta de sendeirismo Augas de Fonmiñá, na que participaron 120 persoas. Ao mediodía celebrouse unha sesión vermú na Praza do Concello e, tras a inauguración, os Cantos de Taberna percorreron distintos locais hostaleiros.
Once grupos de música tradicional participaron na programación: Asubíos da Chaira, Pastoriza, Reviravolta, Os Agustiños, Grupo Tradicional de Meira, A Chocolateira, Son de Outeiro, Asubiiños 4, Ardelle o Eido, Os D’Aquí e Cantos da Valuria.
Marcos García destacou que esta xornada representa “a nosa identidade: sendeirismo, música tradicional, cantos de taberna, foliada e gastronomía. Pastoriza é unha vila que sabe conservar as súas tradicións ao tempo que aposta por novas oportunidades de desenvolvemento”.























Durante a súa estancia na capital, tiveron a oportunidade de coñecer o Senado, onde foron recibidos, entre outros representantes, polo senador lucense José Manuel Balseiro, veciño de San Cibrao e pola deputada no Congreso, Cristina Abades, que traballou durante anos na Casa do Concello. Balseiro deulles a benvida á Cámara e acompañounos nun percorrido polas súas principais dependencias, explicándolles o funcionamento da institución e o labor que desenvolven os senadores. O parlamentario agradeceu á asociación Terra-Mar a organización desta iniciativa, que contribúe a achegar as institucións aos cidadáns e a fortalecer os vínculos entre a Mariña e a representación que exerce a provincia de Lugo no Senado.
Ademais, a medida responde a razóns de seguridade e operatividade, xa que a presenza de público nestas xornadas impide que os camións de recollida poidan acceder e circular con garantías por esta zona. Durante eses cinco días, os contedores permanecerán instalados nos seus emprazamentos habituais para que a veciñanza e os visitantes poidan depositar neles os residuos. Ademais, o servizo de limpeza reforzará as tarefas nos puntos vinculados á celebración do festival. O Concello solicita a colaboración da cidadanía para manter os espazos públicos nas mellores condicións posibles.
"Este éxito é froito do teu esforzo, dedicación e constancia, e é un orgullo para todo o noso concello. Desexámosche moitos máis éxitos deportivos e que sigas representando a Cervo e ao Club Deportivo San Ciprián con tanta ilusión e talento", salientan desde o consistorio.
A mostra reúne imaxes tomadas en Galicia, Cataluña, Aragón, Andalucía, Senegal e Escocia, ofrecendo un percorrido pola biodiversidade e polos vínculos entre distintos ecosistemas. O fotógrafo, naturalista especializado en ornitoloxía, invita a contemplar a natureza cunha mirada pausada e consciente a través de 50 especies de fauna. Permanecerá aberta ata o 29 de xullo.
Con este xesto simbólico, expresou a súa solidariedade co pobo venezolano, trasladando o seu apoio ás familias das persoas falecidas, feridas e afectadas por unha traxedia que continúa deixando un elevado número de vítimas e miles de damnificados.
O obxectivo é facilitar que os mozos e mozas que o desexen poidan facer uso destas instalacións. A medida permitirá empregar o campo para a práctica deportiva e para a organización de partidos informais durante o período estival. Desde o Concello de Viveiro sublíñase a importancia de ofrecer espazos deportivos accesibles durante as vacacións de verán e de favorecer hábitos de lecer activo entre a mocidade.



