Ribadeo, 26 de xuño de 2026. A maxia do regreso, o aroma do tabaco e o liño branco volven inundar as rúas de Ribadeo nunha nova edición do seu xa emblemático Ribadeo Indiano. Un dos piares fundamentais desta viaxe ao pasado é, sen dúbida, a súa banda sonora: unha coidada selección musical que recrea o ambiente das sociedades da emigración galega en Cuba, Arxentina ou México.
Un desembarco de ritmos cubanos e boleros
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, contou que “a festa arrincará oficialmente o 10 de xullo. Como xa é tradición, o Coro Sagrado Corazón porá a nota emocional unindo as dúas beiras do Atlántico. Tras o tradicional desembarco teatralizado no peirao de Porcillán, a música será a encargada de recibir aos indianos. A noite tinguirase de nostalxia e elegancia cos concertos de formacións como Gallaecia Small Band. O broche de ouro da primeira xornada chegará coa verbena ao ritmo do Septeto To´mezclao, garantindo que o baile non pare ata a madrugada”.
De mariachis a habaneras: o sábado de gala
A edil ribadense seguiu a relatar que “o 11 de xullo será o día de maior ebulición. Pola mañá, a chegada dos coches clásicos “Haigas” estará escoltada polos alegres sons dos mariachis Real de Jalisco. A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu habitual concerto de gala en San Roque, mentres que grupos como Amizades encherán cada recuncho da vila con músicas de ultramar. Pola tarde, o protagonismo recaerá nas voces corais. O Festival de Habaneras e Música Hispanoamericana Ría de Ribadeo celebrará unha nova edición, contando coa participación da Coral Polifónica de Ribadeo, a Coral Polifónica San Roque, de Vigo, e a Coral IES María Guerrero, de Collado-Villalba (Madrid). A noite pecharase cunha verbena tradicional que fusionará a raíz galega de grupos como Mediarea co sabor cubano de El Mura y su timbre latino”.
O fin de festa con lendas da música
Sanjurjo explicou que “o 12 de xullo, o Ribadeo Indiano despedirase por todo o alto. Tras a alborada co grupo Follas Novas e a sesión vermú coa Banda Filharmónica de Lugo, Trío Mojito Cubano e Los Jimaguas, o momento máis agardado será o concerto de clausura. Seguindo o ronsel de grandes figuras que pasaron polo festival, este ano a vila vibrará coa enerxía de Estrellas de Buena Vista y Más, a mítica formación cubana que porá o punto final perfecto a tres días de irmandade cultural”.
O Ribadeo Indiano non é só unha festa estética, é unha experiencia sensorial onde a música serve de ponte entre o recordo de quen marchou e a ledicia de quen regresou para transformar esta vila nun paraíso atlántico.
Organizan o Ribadeo Indiano o Concello de Ribadeo e Acisa coa colaboración da Xunta de Galicia e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.


























Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.
Unha peza de teatro físico e manipulación de obxectos para público infantil e familiar que aborda a meta máis soñada polo ser humano: voar sen ás. Venda de entradas: no teléfono 982560162, en horario, de 9 a 14,00 horas, ou no correo electrónico cultura@viveiro.gal ou na taquilla unha hora antes da función. A cita será ás 18h.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Neste curso a actividade estará dispoñible para as nosas pequenas Xoias e para alumnado externo, cunha sesión semanal, a cargo de Yasmin Toledo e Patrícia Sousa, do equipo de Segunda División. O alumnado poderá escoller o seu horario de adestramento entre os luns (16:00 h.-17:00 h., Vista Alegre) e os venres (19:30 h.-20:30 h., Monte Castelo). A actividade terá un custo de 6€/mes para o alumnado da escola laranxa e 24€/mes para o alumnado externo.
Un particular informou minutos despois das 11 horas deste xoves dun camión que transportaba formigón envorcado no quilómetro 68 da N-640, á altura da parroquia de Ramil (Castro de Rei). Segundo explicou o mesmo alertador, o condutor permanecía no interior da cabina e outros dous turismos estaban implicados no accidente. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros confirmaron que non tiveron que excarcerar, pois a persoa estaba xa fóra do vehículo cando chegaron ao punto. Así, colaboraron na limpeza da vía cos servizos de mantemento da estrada.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.



