Viveiro, 7 de febreiro de 2020. O Concello de Viveiro colaborará na organización dunha chocolatada benéfica que vai ter lugar o sábado 15 de febreiro, Día Internacional do Cancro Infantil, na Praza Maior.
É unha iniciativa da Asociación Motera Martelos Costa Norte e o concello facilitará a carpa na que se vai desenvolver o acto. Trátase dun evento dirixido aos nenos, no que se inclúe un espectáculo de maxia, actividades de ocio e un espectáculo, ademais dunha chocolatada con churros, postres de entroido e donuts.
O prezo da chocolatada é de 2 euros e a recadación irá integramente destinada á Asociación para el Estudio del Meduloblastoma Infantil ‘Nico contra el cáncer’.
“Parécenos unha gran iniciativa e o Concello de Viveiro colaborará sempre neste tipo de actividades, a sociedade en xeral debe comprometerse para impulsar a investigación do cancro nfantil”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
Dende o Concello anímase a todos os veciños e veciñas a que ese día se acheguen á Praza Maior para disfrutar dunha xornada especialmente dedicada aos nenos e para colaborar con esta iniciativa tan loable.