Alfoz, 8 de febreiro. 2020. Nun municipio eminentemente rural e con poucos habitantes, como é o noso, a Garda Civil representa un servizo fundamental, como é a protección da cidadanía, porque non existe outra autoridade que vele pola seguridade e tranquilidade dos veciños. A necesidade de que se reforce e perdure é tan evidente para todos nós que este xoves nun pleno extraordinario, solicitado polo PP, instouse a que se adopten medidas para mellorar as condicións do propio cuartel e incrementar a dotación e os seus medios, axustándoos á nosa realidade social e xeográfica, con poboación moi dispersa e envellecida.
Actualmente, o cuartel conta cun total de seis efectivos, dos cales só dispoñemos de tres en activo, un deles o propio sarxento (con novo destino a próxima semana e que non será substituído nun mes), o cal non ten obrigación de patrullar e dous gardas que son asignados a Burela e a Foz para que realicen o seu traballo en toda a Mariña e non no noso val en concreto. En canto aos outros tres, dous están de baixa (un deles desde hai varios anos, o que fai pensar que será declarado en situación de incapacidade) e o outro, trasladado. Non se cubriron estas baixas, nin se coñece que haxa intención de facelo.
Visto o visto, valoren vostedes mesmos a necesidade de levar a cabo cantas medidas sexan necesarias, para volver dotar a esta zona dun cuartel efectivamente operativo o máis axiña posible.
Desde UDIVAL, cremos que hai que tomar medidas urxentes porque actualmente non temos máis que un edificio DESTARTALADO (insto a todos os veciños a que o visiten para que vexan o estado de deterioración no que se atopa o noso cuartel -o máis antigo da provincia- e poderán comprobar que carece de condicións dignas para traballar e moito menos para vivir) e unha dotación claramente insuficiente (necesitariamos polo menos oito gardas para cubrir os tres quendas e descansos, máis un cabo e un sarxento).
A pesar de que, recentemente, a Subdelegada do Goberno afirmou en distintos medios de comunicación que non se vai pechar ningún cuartel, a situación do noso é máis que preocupante. O abandono das instalacións é tal, que dá a sensación de que o están desmantelando porque sen efectivos e cun edificio practicamente ao bordo da ruína, a pesar do que se diga en prensa para tranquilizar aos votantes en período preelectoral, as perspectivas non son halagüeñas.
Fai uns tres anos, levaron a cabo varias reunións e visitas do Coronel Xefe da Comandancia, a Subdelegada de Goberno e representantes de ambos os municipios, na que se chegou ao acordo de rehabilitar o edificio con achega de fondos por todas as partes, pero, por desidia e deixamento, a reforma está sen realizar.
Desde UDIVAL, pensamos que xa é hora de que as promesas se materialicen. Debemos ter unha dotación acorde coa nosa realidade territorial e executar as melloras necesarias nas instalacións existentes para que o estado do cuartel non sexa a escusa perfecta, a curto/medio prazo, para pechalo.
Respecto ao diñeiro necesario, non pode ser un impedimento por ningunha das partes implicadas, pois a Subdelegación do Goberno acaba de asignar máis de dous millóns de euros para edificar un cuartel novo en Vilalba e, en canto aos nosos fondos municipais, estarán mellor empregados en garantir a seguridade de todos os veciños que nos numerosos proxectos “estrela” que se realizaron nestes anos, entre eles os invernadoiros “capricho” do noso alcalde (practicamente inutilizados) ou a rehabilitación do matadoiro para unha “aula da natureza” que, como a maioría dos veciños, descoñecemos para que serve, pero si temos claro que o seu uso é mínimo e a súa utilidade está por ver.
Respecto a a dotación, tampouco debería ser un problema, pois municipios como Viveiro (que contan con Policía Municipal e Nacional), dispoñen ademais de Garda Civil sen competencia sobre seguridade cidadá. Hai que lembrar que ter garantido este servizo, reverterá en maior tranquilidade para todos, contribúe a loitar contra outro dos nosos problemas máis perentorios como é o despoboamento do mundo rural e non debemos de esquecer que un veciño de Cadramón, Vilacampa, Ferreira… paga os seus impostos igual que o doutros municipios que contan cunha adecuada presenza dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.
Pongámonos en marcha e non deixemos perder outro servizo máis.
María J. Fernández Díaz
UDIVAL (Unión Democrática Independente do Val).