Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2020. A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia rexeita o bono-tarxeta de 250 euros que a Xunta anunciou que outorgaría ao persoal sanitario. O sindicato critica que o Goberno galego adopte esta medida «electoralista» ao tempo que lles nega aos traballadores e traballadoras do ámbito, así como á súa representación legal, a posibilidade de negociación das súas reivindicacións.
Con esta medida, a Xunta pretende que preto de vinte mil profesionais da sanidade e da dependencia contribúan á reactivación da hostalaría e do turismo. Para CCOO-Sanidade, trátase dunha «falta de respecto» e non pode xustificarse máis que como «propaganda electoral», xa que foi anunciada directamente nos medios de comunicación, sen comunicación previa cos sindicatos.
CCOO-Sanidade lembra que a Xunta «vén negando repetidamente» a recuperación dos dereitos arrebatados aos traballadores e traballadoras, pecha camas en moitas das áreas sanitarias de Galicia, mantén a precariedade nos contratos do persoal eventual e rexeita reforzar os reforzos dos cadros de persoal.
En concreto, CCOO xa lle propuxo á Xunta a negociación dalgunha melloras para o persoal «que estivo dando a cara durante a pandemia», como o cobro da atención continuada para o persoal de baixa laboral por COVID-19, a concesión dun permiso dunha semana ao persoal que traballou durante a pandemia, a recuperación dos tres días de libre disposición, entre outras. «A todas estas peticións, a resposta da Administración foi negativa», explica Emilia Lamas, secretaria xeral de CCOO-Sanidade.
CCOO esíxelle á Xunta de Galicia «que remate dunha vez de facer propaganda» e comece a «traballar nunha mellora real da sanidade» e das condicións do seu persoal. «É necesario acabar xa coa precariedade na contratación e dotar de estabilidade laboral o persoal, para o que é necesario facer máis contratacións e eliminar a taxa de reposición», sinala Lamas.