A Mariña, 23 de setembro de 2020. #CociñandoAMariñaLucense é a nova iniciativa que pon en marcha a Mancomunidade coa colaboración da FCAM e da Xunta de Galicia. O obxectivo pasa por posicionar a comarca como referente do turismo gastronómico e por poñer en valor aos produtores, aos produtos e á gastronomía local. Trátase dunha acción de resposta á actual crise sanitaria. #CociñandoAMariñaLucense inclúe unha guía na que se poderán atopar os datos dos 240 produtores locais que hai na Mariña, de sectores como a agricultura, a gandeiría, a horta, a pesca, a avicultura, etc… e porá en marcha un concurso de vídeo receitas, que se desenvolverá do 15 de outubro ao 15 de novembro. No acto de presentación da campaña, que tivo lugar no Cenima en Foz, interviñeron o presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, o coordinador e creador da iniciativa, Lucas Requejo, o presidente da FCAM, José Carlos Paleo, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
Cociñando A Mariña Lucense é unha iniciativa ecogastronómica novidosa coa que dar a coñecer os produtores e alimentos da comarca, onde a hostalería cociñará os produtos a través de vídeo receitas e onde se convidará a participar á cidadanía nun concurso de receitas de gastronomía local mariñá.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, sinalou: “estamos ilusionados con este proxecto. Pouquiño a pouco imos poñendo pasos, xa se empezaron con outras iniciativas como a Ruta da Faba, que leva consolidada moito tempo. Non deixa de ser iso, poñer en valor produtores e produto local, tamén que perdamos o medo a indicar de onde ven o que comemos, se os pementos son de aquí, se o bonito é de Burela ou a pescada de Celeiro que se explique, porque é un valor engadido. Hai moitos produtos saborosos… e respectando aos asistentes onde mellor se come é na Mariña”. Cajoto agradeceu a colaboración da Federación de Comercio A Mariña e da Xunta de Galicia para levar adiante esta iniciativa. Tamén tivo palabras de agradecemento para Pilar García Porto, a responsable da Área de Turismo da Deputación de Lugo, que asistiu como convidada a este acto, xunto a representantes de Asociacións de Comerciantes e Hosteleiros, de produtores coma Boaga e Asoporcel, de técnicos, de concelleiros e de alcaldes da comarca.
O creador e coordinador da campaña, Lucas Requejo, dixo que “a aposta pola Ecogastronomía como piar de desenvolvemento gastronómico, ten por obxectivo reactivar a produción agroalimentaria dende a perspectiva da biodiversidade local e a produción sostible, promovendo accións que poñan en valor os nosos recursos gastronómicos para contribuír na consolidación dun turismo sostible.Con esta iniciativa queremos darlles visibilidade ao produtores agroalimentarios, a través da páxina web de amarinalucense.gal, onde se poderá poñerlles cara e descargar unha Guía de Produtores da Mariña Lucense. Tamén, dende finais de setembro a mediados de outubro de 2020 iremos dando a coñecer a todos eles nas redes sociais de A Mariña Lucense Turismo”.
Na súa intervención Requejo anunciou que “ademais, animaremos á hostalería local a que realicen as súas propias vídeo receitas cociñando os alimentos dos produtores de A Mariña Lucense. Poderanse ollar as súas elaboracións a partir do 15 de outubro nas nosas redes sociais e na lista de reprodución creada para esta fin da canle de Youtube da Mancomunidade: A Mariña Lucense Turismo. E por último, animaremos a participar nun concurso á cidadanía que poremos en marcha durante o mes de outubro e novembro, do 15 ao 15”.
Pola súa banda, o presidente da FCAM, José Carlos Paleo, subliñou que cantas máis iniciativas comarcais se organicen “mellor nos irá a todos” e contou que “a xente que ten segunda residencia na Mariña estase quedando aquí a teletraballar, algo que contribúe á desestacionalización da que tanto falamos. Temos que poñer en valor todo o que temos, iso axudaranos a todos a sobrevivir”. Paleo aludiu ao traballo que hai detrás deste proxecto: “este gran traballo que acabades de facer, que nos vai servir a moitos para comprar leitugas ou tomates en Mondoñedo, que non sabemos a quen comprarlle un tarro de mel se non está posto nun escaparate. Sobre todo á xente da hostalería que vai poder nutrirse de produtos de forma moito máis cómoda”. O presidente da Federación de Comercio A Mariña manifestou que “pola nosa parte nos poñemos a disposición de todo o mundo para seguir colaborando, porque este é un traballo de largo alcance, non hai metas, hai etapas, e esta é unha etapa real neste momento que vai servir para pasar o inverno dunha forma mellor”.
E o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, felicitou “á Mancomunidade da Mariña e á Federación de Comercio por este proxecto e reiterar sempre o apoio da Xunta a cantas medidas axuden a impulsar o xeodestino. Os tempos demandan un maior esforzo para remontar esta situación, e para iso este ano o goberno galego incrementou nun 12% a achega ao convenio que subscribe coa Mancomunidade para a xestión do xeodestino. Igualmente no marco do convenio asinado cos touroperadores galegos, estase traballando na posta en marcha de novas experiencias turísticas na Mariña lucense. Así mesmo a Xunta pretende que a comarca se converta nun dos territorios galegos no que se poña en marcha un plan de sustentabilidade turística”. E engadiu: como saben, eu mesmo tamén inicio unha nova andaina profesional, así que permítanme que aproveite este acto para, dende a miña responsabilidade como delegado territorial, poñerme a disposición da Mariña e do seu tecido social e empresarial e dos veciños e veciñas para traballar xuntos polo progreso e benestar desta comarca. Así que moitas grazas por invitarme e a traballar todos xuntos”.
Cociñando A Mariña Lucense é unha iniciativa que, como todas as que se levan a cabo dende a Mancomunidade, sigue a senda da filosofía do turismo Slow, experiencial e sostible. “A riqueza do territorio en produtos de calidade é incalculable, entre todos, debemos ser mais conscientes desto, sentirnos orgullosos e ser capaces de transmitirllo a todo o mundo”, apuntan desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense.





















A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
Ocorreu escasos minutos despois das 15 horas deste domingo, e foron recollidos pola embarcación Salvamar Shaula, de Salvamento Marítimo. Atopábanse subidos a unha balsa inchable na praia de Basteira, na Pedra (Cariño), foron arrastrados pola corrente e eran incapaces de retornar á beira. Dúas persoas metéronse na auga tratando de rescatalos, sen éxito. Ao final, a embarcación de rescate de Salvamento Marítimo recolleu aos menores e levounos ilesos ata o porto de Cariño. Ademais de a Salvamento Marítimo, desde o 112 Galicia informouse ao Servizo de Gardacostas de Galicia e aos axentes da Garda Civil.
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.
O evento incluirá espicha, queimada, brujo con conjuro e sesión DJ. O prezo é de 50 euros por persoa, con reserva previa no 611 185 336 e prazas limitadas. A organización lembra que “el 12 de agosto cuando caiga la noche la celebración continúa en Los Olivos… la noche culminará con una queimada elaborada por el Brujo Gonzalo, seguida de una sesión DJ para poner el broche final a una jornada inolvidable”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).



