Burela, 14 de abril de 2021. O Grupo Municipal Popular de Burela denuncia que “o Sr. Llano volve incumprir a lei”. Así o manifestan os populares tras coñecer da man da Valedora do Pobo que “non respondeu ao requirimento que esta lle fixera a finais de febreiro e ao que está obrigado a responder por lei” en relación á denuncia que fixera o Grupo Municipal Popular de Burela ante a “absoluta opacidade que caracterizou o seu mandato ao longo do ano 2020”.
Dende as filas populares lembran que “das 23 solicitudes de información requiridas no 2020 dende o inicio do estado de alarma, o Sr. Llano non contestou a 15 delas sendo sabedor de que se trata de información que está nas dependencias do Concello e que ten a obriga de facilitala”.
Os populares pregúntanse entón “por que esta falta de transparencia. Se todo vai tan ben no Concello, tal e como el di, por que oculta a información que dende o Grupo Municipal Popular lle pedimos”, preguntan. “Que ten que ocultar o Sr. Llano?”, insisten.
Incumprimentos reiterados
Tal e como explican dende o PP, “ao Sr. Llano parece que iso de cumprir a Lei non lle cae moito en gracia e por iso decidiu infrinxila novamente ao non contestar á petición formulada pola Valedora do Pobo. Pero non é a primeira ocasión”, aclaran. “Tódolos veciños poden comprobar que isto se repite sistematicamente nos numerosos plenos telemáticos emitidos”.
Os populares explican que “no último deles, por exemplo, non presentou a tempo a documentación que era obxecto de debate nin deu conta da morosidade do Concello no referente ás facturas impagadas do ano 2020, punto que figuraba na orde do día e que dende secretaría tampouco lle advertiron”.
Por outra banda, “e segundo se pode observar na gravación do propio pleno, o Sr. Llano di en referencia á última ordenanza que vai a lastrar máis a economía dos veciños e veciñas de Burela, que a súa aprobación non supón que se lles vaia a aplicar dita ordenanza”.
Dende o PP burelés non entenden “como é posible que un alcalde, coa máis mínima seriedade, poda recoñecer publicamente que non vai aplicar unha ordenanza municipal que el mesmo aproba”. Nese sentido aclaran que “ao alcalde Llano sóbralle descaro para recoñecer publicamente que vai a infrinxir as normas”.
Para os populares está claro que “o Sr. Llano e o seu equipo pretenden facer de Burela o seu feudo particular, pois considéranse por riba do ben e do mal, seres superiores que non están suxeitos nada máis que aos seus propios caprichos” e advirten que “dende o PP non o imos consentir. Houbo un tempo ao que este tipo de actitudes déspotas se lles denominaba caciquís, esperemos que o Sr. Llano e o seu equipo de goberno non traten de rememorar ese tempo”, conclúen.
























A representación terá lugar este sábado día 18, ás 19:30 horas, no local social da Asociación de Veciños de Marzán, un dos destinos habituais nas xiras anuais da compañía. O Centiño mantén así a tradición de visitar este espazo, onde agarda compartir co público unha tarde divertida e chea de humor. A agrupación teatral continúa así coa difusión da súa nova obra, que segue a percorrer diferentes escenarios da comarca.
Dezaoito locais hostaleiros de Ribadeo, Rinlo e Vilaframil ofrecerán diversas preparacións ata o vindeiro domingo: en escabeche, en salpicón, en empanada, ao allo, á prancha, en albóndega, etc… Todas as propostas poden consultarse nas redes sociais de Acisa Ribadeo, que agradece “unha vez máis o apoio da OPP do Porto de Burela, que nos doou 90 quilos de cabala para estas xornadas, produto que entregamos de xeito gratuíto aos locais participantes. Achegámoslles así unha parte do peixe que empregarán nesta nova cita gastronómica na que tamén colabora o Concello de Ribadeo”. Ata o porto, ao restaurante Marinero, se achegaron este mediodía o director territorial da Consellería de Mar, Alexandre Piñeiro, as concelleiras ribadenses Montse Seijo, Elena Sierra e Begoña Sanjurjo, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez, e o técnico de Acisa, Jorge Fernández, que puideron degustar as elaboracións realizadas por este establecemento hostaleiro.
Durante a xornada Lionel compartirá a súa experiencia no mundo da escrita, dando a coñecer os seus procesos creativos e as temáticas que caracterizan os seus libros. O acto incluirá un coloquio participativo cos asistentes do club onde poderán preguntar e intercambiar opinións co autor sobre o libro lido “A raíña das velutinas”.
O sábado terá lugar no Casino o III Showcooking, con cociña en directo e maridaxe de viños. O público poderá votar os seus pinchos favoritos e participar no sorteo dunha noite no hotel Marqués de Riscal. A entrega de premios será o luns 20 ás 19:00 h. O Concello e Destino Navia animan a veciños e visitantes a gozar desta cita gastronómica.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
As persoas interesadas poden anotarse ata o 24 de abril na Casa do Concello (Cervo) ou na Casa da Cultura (San Cibrao). A actividade está dirixida a persoas pensionistas empadroadas no municipio. Trátase dunha xornada pensada para compartir, celebrar e desfrutar en comunidade.



