Ducias de persoas acudiron ao acto organizado pola institución no Pazo de San Marcos, no que a Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, deu lectura á Declaración Institucional aprobada polo Pleno con motivo do Día da Muller e que contou coa actuación musical de Iria Estévez
Lugo, 8 de marzo de 2023.Ducias de persoas acudiron este mércores ao acto organizado pola Deputación no Salón de Actos do Pazo de San Marcos con motivo do Día Internacional da Muller. Un encontro no que a Deputada de Muller e Igualdade, e Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, deu lectura á Declaración Institucional aprobada polo Pleno con motivo do 8-M, na que a institución ratifica o seu compromiso coa igualdade plena e efectiva e cos valores do feminismo en todas as súas accións, “un obxectivo social irrenunciable e unha necesidade para consolidar a calidade dos sistemas democráticos”, ademais de facer fincapé na “necesidade de desenvolver iniciativas que poñan en valor a presencia da muller no eido da ciencia e da tecnoloxía, e de ofrecerlle ás novas xeracións exemplos de mulleres investigadoras, emprendedoras e impulsoras de avances tecnolóxicos que lles sirvan de exemplo”.
Deputadas e Deputados da Corporación provincial participaron no encontro, que contou coa actuación musical de Iria Estévez, quen ofreceu ao público versións de grandes cancións con voces femininas. Ademais, os asistentes recibiron agasallos institucionais para favorecer a concienciación en igualdade.
Este acto súmase ao programa de actividades impulsado pola Deputación de Lugo para conmemorar o Día da Muller, no que se incluíu o segundo ciclo de concertos Con voz de Muller 8M, no que actuaron a pasada fin de semana A Banda da Loba, Caamaño&Ameixeiras, Catuxa Salom e Margarida Mariño, en Vilalba, Taboada, A Fonsagrada e Viveiro, respectivamente.
Ademais, ata o vindeiro sábado pode visitarse na planta baixa do Pazo de San Marcos a mostra Elvira López Mourín. Unha Enfermeira de Altura para visibilizar e poñer en valor a esta “muller excepcional” nada no concello de Láncara “que foi pioneira en todos os aspectos da súa vida”, tal e como destacou a Deputada de Muller.
O Pazo de San Marcos loce na súa fachada esta semana pancartas en cor violeta en reivindicación da igualdade entre homes e mulleres co lema Querémonos vivas, libres e iguais. Durante dúas xornadas iluminarase en horario nocturno o edificio desa mesma cor, en defensa dos dereitos, liberdades e a seguridade das mulleres.
Centros de Atención a Maiores
Froito do modelo asistencial que ten implantado a Deputación nos Centros de Atención a Maiores para favorecer o arraigo e a plena integración dos seus usuarios e usuarias na vida social e cultural do concello no que residen, a entidade tamén organiza actividades nas residencias en torno ao Día da Muller.
As persoas maiores que viven nos centros da Deputación vestirán traxes tradicionais galegos cedidos polo Centro de Artesanía e Deseño da institución provincial e serán fotografados con eles. Así mesmo, os residentes traballan na elaboración duns broches en forma de sombreiro que simbolizan o que cargan as mulleres na sociedade. As pezas serán entregadas na contorna dos centros de maiores, como colexios, tendas ou centros de saúde para dar visibilidade á súa participación no Día da Muller.
Servizo de Audiovisuais
Por outra banda, o Servizo de Audiovisuais da Deputación sumouse a estas iniciativas coa gravación de testemuñas de residentes dos Centros de Atención a Maiores sobre a desigualdade de xénero que existía cando eran nenas ou mozas, tanto dende o punto de vista legal como de roles, co que se elaborará un audiovisual. Realizou tamén unha decena de animacións nas que se fai fincapé na desigualdade de dereitos que existía ata a chegada da democracia.
No caso das alumnas do Centro de Formación Audiovisual, conmemoran este día coa elaboración de vídeos baseados na sororidade.
Así mesmo, a Deputación difundirá diariamente ao longo de todo o mes de marzo nas redes sociais a sección Mulleres da Provincia creada polo Servizo de Audiovisuais, e dedicada a mulleres que traballan en profesionais tradicionalmente masculinas ou que son pioneiras en determinados ámbitos.
Entre Mulleres
No marco dos actos celebrados na provincia con motivo desta efeméride, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, asistirá esta tarde aos premios Entre Mulleres organizados polo Concello de Lugo no MIHL. Nesta ocasión, recoñecen á á presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro; á Catedrática da Facultade de Químicas da USC, Isabel Fernández; á presidenta do EMEVE, Bibi Bouza; á xornalista Tonina Gay, presidenta do Club Cultural Valle Inclán; a Celia Neira, propietaria do restaurante A Nosa Terra; e a Ana Rosa Rodríguez, policía local da primeira promoción de axentes mulleres en Lugo.
Homenaxe UXT
Por outra banda, a Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, participará tamén esta tarde na homenaxe que o sindicato UXT lle renderá a Ana Núñez Sanjurjo, traballadora sindicada vinculada á educación, con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora. Ao rematar, deputados e deputadas provinciais participarán na manifestación con motivo do 8M.




















O curso, impulsado polo Principado de Asturias, desenvolverase en modalidade semipresencial con sete sesións presenciais na Sala El Pajar de As Quintas (A Caridá), en horario de 16:00 a 19:00 horas. A formación é de nivel básico e está aberta tanto a persoas sen experiencia previa como a quen queira iniciarse na fala. As inscricións poden realizarse a través da plataforma da Federación Asturiana de Concejos. O Concello destaca que esta iniciativa contribúe á preservación do patrimonio lingüístico e cultural do territorio.
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.
O tráfico estará regulado por semáforos e está previsto que este venres rematen as obras.
O xurado profesional outorgou o primeiro premio ao Restaurante Ca Vitoriano por “El susurro del llagar”, seguido do Blanco Hotel Spa e de Los Olivos. No xurado popular, o triunfo foi para Los Olivos, acompañados no podio polo Novak Café e A Mar de Fondo. O Concello de Navia destacou o impacto do evento no dinamismo da vila e o papel clave da hostalaría como motor económico e turístico.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.



