A sesión extraordinaria do 17 de maio terá lugar na localidade natal do homenaxeado. Os académicos Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Fierros e Margarita Ledo trazarán o retrato do autor e do seu legado
A Coruña, xoves 27 de abril de 2023. “Lembro con saudade a vila da miña nenez, e a casa da praza onde vin a luz primeira formada por un baixo, dous pisos e un faiado moi amplo”, di Francisco Fernández del Riego sobre Lourenzá n’O río do tempo, unha historia vivida. Nesta localidade luguesa que o viu nacer o 7 de xaneiro de 1913 agromou o “estraño amorío polo libro impreso” que acompañaría a quen foi un dos fundadores da editorial Galaxia, símbolo fundamental da reconstrución da cultura galega no franquismo. Alí soñou Del Riego de cativo con contos de fadas e as lendas d’As mil e unha noites, e compartiu tamén pequenas aventuras con outros rapaces cos que ía bañarse ao Pozo da Ola, corría no patinete e botaba barcos de noz na corrente fluvial, lembra no seu outro libro de memorias, Camiño andado. Tantos anos despois, Lourenzá será o escenario do acto central do Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega lle dedica a don Paco.
A sesión extraordinaria e pública do 17 de maio desenvolverase a partir da 12:30 horas no centro de usos múltiples de Ponte de Cuñas e contará coas intervencións académicas de Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Fierros e Margarita Ledo Andión, que abordarán nos seus discursos distintos aspectos sobre a figura e a obra do homenaxeado. A música correrá a cargo do cuarteto Souto Xímaro (Lourenzá) e do coro Mestre Pacheco (Mondoñedo). O pleno extraordinario, de entrada libre ata completar a capacidade do recinto, poderá seguirse tamén en directo dende academia.gal.
Xesús Alonso Montero afondará na súa intervención nun episodio que ilustra o importante papel que Francisco Fernández del Riego exerceu como ponte entre a Galicia da diáspora e o exilio interior, Francisco Díaz-Fierros centrarase no devir da paisaxe na obra do homenaxeado e Margarita Ledo Andión abordará a relación que don Paco, prolífico articulista dende os anos 30 do século pasado, mantivo cos medios de comunicación, consciente da importancia da prensa como esfera pública. Pechará o acto o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.
A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas a Francisco Fernández del Riego cadrando cos cento dez anos do seu nacemento e o sesenta aniversario desta conmemoración, unha idea impulsada polo propio don Paco ao pouco de ser nomeado académico de número. En marzo de 1963, co apoio dos tamén académicos Gómez Román e Ferro Couselo, Del Riego presentou ante a institución a proposta, aprobada en sesión plenaria semanas despois por unanimidade. A celebración do Día das Letras Galegas prendeu axiña con éxito por todo o país e hoxe constitúe a gran festa cívica de Galicia, con centos de iniciativas desenvolvidas por asociacións, institucións, centros educativos, entidades comerciais e empresas, entre outros axentes sociais, como sintetiza a mostra virtual dispoñible en academia.gal co gallo desta efeméride.
Ponte co exilio e coas novas xeracións
Francisco Fernández del Riego é sobre todo coñecido como unha das figuras fundamentais da cultura galega a partir da posguerra. Chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo, pero o seu activismo destacara xa durante a II República. Brillante estudante de Dereito, con só vinte anos os seus compañeiros elixírono para pronunciar o discurso de representación do alumnado na inauguración oficial do curso 1933-1934, no que demandou unha universidade que exercese de foco de modernización e galeguización da sociedade.
Fóra das aulas, foi membro do Partido Galeguista, secretario xeral da Federación de Mocidades Galeguista e membro do Seminario de Estudos Galegos. Na etapa compostelá comezou tamén a escribir nos xornais como articulista, redactou manifestos, pronunciou discursos e conferencias, participou na constitución de Galeuzca e integrouse dende o primeiro momento na comisión encargada de redactar o proxecto do Estatuto de Galicia. A súa actividade foi tal que Ramón Piñeiro chegou a cualificar a súa voz como “unha das manifestacións máis vibrantes do pensamento galeguista daqueles anos”.
Despois da guerra civil, na que tivo que alistarse na filas franquista para salvar a vida tras ser sinalado para que o paseasen, viuse na obriga de abandonar Compostela. En Santiago exercía xa como profesor de Dereito no momento do golpe, pero foi inhabilitado para a docencia polos franquistas. A cidade que o acollería no outono de 1939, e onde viviría ata o seu pasamento en 2010, foi Vigo, onde era menos coñecido e puido sobrevivir inicialmente dando clases particulares. Despois dos anos máis escuros da posguerra, nos que mesmo tivo que ocultar o seu verdadeiro nome para gañar a vida, comezou de novo a escribir co pseudónimo de Salvador Lorenzana no xornal compostelán La Noche. Dende esta cabeceira, xunto a Ramón Otero Pedrayo, conseguiu que os temas sobre Galicia e a súa cultura acadasen cada vez unha maior presenza e proxección, atraendo canda eles plumas ata daquela caladas como as de Florentino López Cuevillas, Valentín Paz-Andrade, Vicente Risco, Ricardo Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro e os irmáns Álvarez Blázquez.
Naqueles anos 40 comezou tamén a tender pontes entre a Galicia do interior e a do alén mar. A súa correspondencia con Luis Seoane mostra como o seu talante aberto e dialogante, xunto coa súa autoridade intelectual e inquebrantable entusiasmo, conseguiu manter vivo un fío de entendemento entre eses dous xeitos de vivir a galeguidade. En América foi onde publicou tamén o seu primeiro libro, Cos ollos do noso esprito (Buenos Aires, 1949).
Na década dos 50 do século pasado participou moi activamente nos diferentes proxectos que procuraban a recuperación do proceso cultural de Galicia, nomeadamente na creación da editorial Galaxia, da que foi secretario do consello de administración e máis tarde director xerente, e dende a que animou a novos escritores a crearen en galego. Foi aí mesmo cofundador da revista Grial (1951) e da Fundación Penzol (1963), da que acabou sendo director ata o seu pasamento.
Cando os grupos nacionalistas e resistentes antifranquistas máis novos comezaron a manifestar o seu rexeitamento ás posicións do galeguismo histórico, Fernández del Riego foi, unha vez máis, o elo que tentou manter canles de diálogo e achegamento.
En 1997 foi elixido presidente da Real Academia Galega. A súa xestión significou un cambio radical nas actividades da institución, que se reactivaron significativamente e, sobre todo, se axeitaron aos novos tempos que estaban a vivir Galicia e o mundo.
A súa traxectoria foi recoñecida en vida con numerosas distincións, entre elas o nomeamento de doutor honoris causa da Universidade de Vigo, o Premio Trasalba ou a Medalla Castelao.
Obra literaria
A obra escrita de Fernández del Riego tocou case todos os xéneros e foi inmensa, comezando polas súas colaboracións en practicamente todos os xornais de Galicia e nas revistas máis representativas do interior e da diáspora. A súa bibliografía reflicte a súa condición de gran divulgador, sempre pendente de achegar ao público a cultura galega dende moi diversas vertentes.
Participou en numerosos libros, propios ou colectivos, nos que acotío asinaba cos pseudónimos Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros, Adrián Solovio ou Adrián Soutelo. No eido do ensaio, case sempre sobre a produción literaria galega, asinou, entre outros títulos, Galicia no espello (Buenos Aires, 1954), Historia de la literatura Gallega (Vigo, 1951), Escolma de poesía galega. Os contemporáneos (Vigo, 1955), Escolma de poesía galega. O século XIX (Vigo, 1957), Letras do noso tempo (Vigo, 1974), Diccionario de escritores galegos (Sada, 1990) ou Sinais dunha cultura (Pontevedra, 2003).
A literatura de viaxes é outro xénero que cultivou en volumes como As peregrinacións xacobeas (A Coruña, 1983), A pegada das viaxes (Vigo, 2000), Portugal norteño (Vigo, 2000), a serie Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña, sentimental (Vigo, 2001-2003) e Lourenzá (2004). Escribiu, así mesmo, monografías sobre diversos autores da cultura galega, como A xeración Galaxia (Vigo, 1996), O señor da Casa Grande de Cima de Vila (Ourense, 1988), Antolín Faraldo, o gran soñador (Vigo, 1998), Con Pondal en Bergantiños (Sada, 2001) ou O Padre Sarmiento e Galicia (Vigo, 2002), e a novela O cego de Pumardedón (Vigo, 1992).
Del Riego deixou ademais publicados en vida dous libros de memorias, O río do tempo. Unha historia vivida (Sada, 1990) e Camiño andado: memorias (Vigo, 2003), ambos reeditados este ano xunto a outros títulos da súa pluma. As Letras Galegas 2023 deixan ademais a publicación de dous textos inéditos do autor, o seu Diario da guerra e Memorias do París literario.
Serie documental, Primavera das Letras e un epistolario, entre outros recursos
A Real Academia Galega reúne no sitio da súa páxina web dedicado a Francisco Fernández del Riego diversos contidos divulgativos sobre a súa figura e a súa obra. Entre eles pode verse xa a serie Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu, noventa minutos de cine documental sobre o autor; a páxina web para o público infantil Primavera das Letras, onde pode descargarse a biografía teatralizada As cousas de don Paco, unha historia de Eva Mejuto ilustrada por Lucía Cobo, e ofrécense actividades interactivas; as Palabras de don Paco e entrevistas a Malores Villanueva, Lourenzo Fernández Prieto, Beatriz Liz de Cea e Justo Beramendi, autores de novas edicións sobre Francisco Fernández del Riego, entre outras propostas.
Tras o verán, a Real Academia Galega publicará ademais o epistolario cruzado entre Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo, nunha edición ao coidado de Patricia Arias Chachero, e celebrará unha xornadas sobre o autor.





















O vendedor da ONCE Daniel José López Legaspi foi quen levou a sorte ao municipio desde o seu posto de venda situado na Praza Maior.
A programación presentouse na Delegación Territorial de Lugo, nun acto no que participaron o delegado territorial, Alfonso Villares; o alcalde, Francisco Balado; e representantes da entidade organizadora. Villares lembrou que a asociación recuperou o ano pasado a tradicional celebración do Corpus Christi na parroquia e destacou o seu labor impulsando actividades que fortalecen a convivencia. A xornada comezará ás 13:00 horas coa misa e a sesión vermú, continuará ás 15:00 co xantar popular e incluirá sorteos, animación musical, unha cea a base de petiscos e verbena.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
Ao acto están convidadas a directora xeral de Desenvolvemento Rural e Industrias Agrarias, Mª Begoña López Fernández; o director xeral do Medio Natural, David Villar García; así como as alcaldías dos 14 municipios que forman parte da Reserva, entre outras autoridades.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



