Viveiro, 23 de abril, 2025. En decembro de 2021 Alcoa asinaba un acordo cos representantes dos traballadores e traballadoras, despois de meses de mobilizacións, que implicaba o cesamento da produción temporalmente coa condición de manter todos os empregos cando se reiniciase a actividade dous anos despois – prevista inicialmente para xaneiro de 2024-, ademais do compromiso de realizar melloras e investimentos que garantisen a viabilidade e continuidade da actividade na planta, especialmente, a construción do novo forno de ánodos. Posteriormente, a comezos do 2023, Alcoa propuxo incrementar os prazos para o arranque, proceso de reinicio que se está a desenvolver na actualidade.
A comezos de 2025 o Ministerio de Industria e Turismo xunto coa Xunta da Galiza, Alcoa e IGNIS asinaban un Memorando de Entendemento -MoU segundo as súas siglas en inglés- en que se comprometían a colaborar para “lograr a estabilidade das operacións” na planta de aluminio en San Cibrao, priorizando a reactivación das instalacións de aluminio, ademais de axilizar as autorizacións de proxectos de enerxía renovábel para “lograr custos competitivos” e incrementar as axudas ás emisións de CO2.
Porén, o Memorando ao completo non foi feito público, nin sequera se compartiu co Comité de Empresa, polo que é preciso reclamar maior transparencia e exixir que se dea a coñecer o seu contido íntegro, máis, cando algunhas das cláusulas divulgadas parecen non respectar os compromisos alcanzados cos traballadores e traballadoras en relación aos investimentos pendentes, principalmente, a construción do forno de ánodos.
Así, o Ministerio de Industria parece amparar que se facilite unha saída da crise de acordo coa empresa, mais abandonando os traballadores e sen garantir a continuidade da actividade produtiva. Esta situación podería desembocar nunha desindustrialización semellante á xa vivida en Alcoa A Coruña e Alcoa Avilés, co fechamento definitivo das instalacións.
Así pois, é imprescindíbel que desde o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza, administracións asinantes dese memorando, se exixa o cumprimento do acordo asinado co Comité de Empresa e que se desenvolvan todas as actuacións e investimentos comprometidos. No referido á subministración de enerxía, debe lembrarse que existen xa, neste momento, solucións viábeis para garantila mentres non se materialicen as PPAs previstas, de facto, segundo os datos máis recentes, sobre o total da produción eléctrica galega, máis de 40% da enerxía xerada na Galiza é “exportada” a outras comunidades, polo que se demostra que hai enerxía suficiente dispoñíbel para asegurar a continuidade da actividade.
Por tanto, no momento actual as autoridades públicas, especialmente o Goberno do Estado a través do Ministerio de Industria, debe rectificar e dar o seu apoio total ás demandas dos traballadores e traballadoras, é dicir, exixir a Alcoa que cumpra cos compromisos adquiridos, garantindo os investimentos necesarios para a viabilidade da fábrica.
Neste sentido, é posíbel explorar por parte do Ministerio de mecanismos de financiamento alternativos, como por exemplo, a concesión de créditos reembolsábeis, que aseguren que a empresa realice as melloras e investimentos comprometidos, particularmente a construción do forno de ánodos que, non só é fundamental para garantir o futuro da actividade en San Cibrao, senón tamén para garantir o emprego, especialmente nas empresas auxiliares.
Así mesmo, é necesario que calquera acordo ao que se chegue coa empresa inclúa aos traballadores e traballadoras das empresas auxiliares, garantindo a protección ao emprego até decembro de 2026, data até a que Alcoa asegura manter o emprego directo.
Por último, cabe lembrar que, se fose necesario, a SEPI debe estar preparada para intervir a empresa e asegurar a continuidade da actividade industrial, garantindo que non se repita a situación vivida noutras plantas de Alcoa. En definitiva, o Goberno debe actuar con determinación e priorizar os intereses da industria e do conxunto dos traballadores e traballadoras.
Por todo o exposto anteriormente, o BNG propón a adopción dos seguintes ACORDOS:
O Pleno do Concello de Viveiro insta ao Goberno do Estado a:
1. Facer público o contido íntegro do Memorando de Entendemento asinado polo Ministerio de Industria e Turismo, a Xunta da Galiza, Alcoa e IGNIS.
2. Exixir á empresa o cumprimento do acordo asinado coa representación dos traballadores e traballadoras e realizar os investimentos comprometidos, singularmente, a construción do forno de ánodos, que garantirán a viabilidade da actividade industrial e a continuidade dos postos de emprego na planta.
3. Garantir, a través de créditos reembolsábeis do ICO ou outra fonte de financiamento público, o inicio das melloras e a construción do forno de ánodos.
4. Estender no tempo a garantía do acordo asinado para o mantemento dos postos de traballo para o persoal das empresas auxiliares.
5. Dar unha solución viábel que asegure a subministración de enerxía mentres non se materialicen as PPAs previstas.
6. Manter a previsión dunha posíbel intervención pública por parte da SEPI para o caso de que a falta de cumprimento do acordo poña en risco a viabilidade da planta de ALCOA en San Cibrao para así manter a actividade industrial e os postos de traballo.”




















Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.



