O nomeamento de Miguel Tellado como secretario xeral e número dous do PP estatal (máis ben un xeneral secretario, como foi Alvarez Cascos co Aznar de presidente, pois que o ferrolán inclúe no perímetro dos seus poderes as áreas da Organización e da Acción Electoral) amosa o nidio xiro ayusista dun PP que confunde o clima político de Madrid e da chamada ”España española” co do conxunto do Estado asume a axenda política da extrema dereita de Vox, sen se decatar que a cidadanía (e máis a radicalizada no marco mental da dereita dura) prefire sempre o orixinal á copia.
As malas formas de Tellado (que aprendeu do seu xefe político as habilidades para lle facer oposición á oposición e máis para lle botar a culpa aos demais) partillarán o núcleo duro da dirección estatal perfís militantes do centralismo extremista como o da nova voceira no Congreso, Esther Muñoz, a ideóloga ayusista Alma Ezqurra e a españolista radical Cayetana Alvarez de Toledo. A centralidade e transversalidade das que falou Núñez Feijoo no peche do Congreso estatal semellan ladaíñas dirixidas a eses millóns de electores populares (ducias de milleiros deles na Galicia) que acreditan nos valores liberais e nunha España plurilingüe e pluricultural.
O cadro albíscase aínda moito máis claro se ollamos o relatorio ideolóxico aprobado nesta xuntanza congresual. Desaparece o mítico “bilingüismo cordial” feijooniano, substituído pola “convivencia entre as linguas cooficiais e a lingua oficial común”. O PP esixirá, se goberna no Estado: i) que o galego, catalán e euskera deixen de ser, non só requisitos, senón mesmo méritos para o acceso ao emprego público, ii) que se estude non só o castelán, senón “en castelán” en todo o Estado e iii) que a Xunta e os concellos e deputacións galegas usen na praxe administrativa a lingua na que se exprese o/a cidadán/á promotor ou afectado en cadanseu expediente.
Semella que o dos Peares e o seu segundo ferrolán acreditan máis na cosmovisión centralista, casposa e supremacista de Díaz Ayuso e de Jiménez Losantos ca no sentidiño, na prudencia e máis na capacidade de veren medrar a herba dos Xesús Palmou, Vítor V. Portomeñe ou Josep Piquè. Velaí o lóxico corolario: non haberá ese preciso cinto sanitario a respecto de Vox, que, ademais, constitúese no único socio posíbel para esta desaquelada axenda política que refuga de todo concepto da España que non sexa nese concepto caduco, decadente e tardofranquista reflectido no devandito relatorio político. Vox é o único socio posíbel no Estado, hoxendía, para a política do PP. Miren vostedes, Vox, xustamente a única forza refugada e deixada á marxe da representación política na Galicia ao longo dos máis de seis anos nos que acadou representación cumprida nos territorios todos da España española.
Volta ao comezo. Co Tellado no goberno non haberá fallo ningún. Non haberá fallo ningún na asunción da axenda de Díaz Ayuso e de Vox e máis no refugamento dos valores da modernidade, da xustiza social, do liberalismo democrático e da plurinacionalidade do Estado. Nun modelo de partido, canto á organización e ás doutrinas, moi afastado desas dereitas democráticas europeas coas que Núñez Feijóo partilla un Partido Popular Europeo do que se está a afastar a velocidade de cruceiro.
A ARRINCADEIRA.- Pedro Sánchez non é quen a reaxir
Coetáneo ao Congreso estatal do PP, moi radicalizado á dereita, o supremo órgano intercongresual do PSOE pechou sen decisións salientábeis unha xuntanza fracasada canto ás propostas de renovación que habería achegar Pedro Sánchez para salvaren a lexislatura. Nin reformas anticorrupción, nin remudas orgánicas substanciais, só unha valeira prohibición intrapartido do consumo da prostitución e axustes mínimos na directiva..
Se o 9 de xullo Pedro Sánchez non é quen de amosar no Congreso un new deal, se non é quen de lle propor á maioría da investidura un peche de lexislatura dirixido á represión da corrupción, a extensión e blindaxe das liberdades e máis á mutación xurídico-política cara á plurinacionalidade, o mantemento do actual status quo para os seus socios na investidura vai ser, de certo, moi difícil.


















Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.



