O obxectivo de Augas de Galicia é advertir dos perigos asociados ás áreas de risco potencial significativo de inundación e dar a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio de desbordamento
Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2026. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, instalou recentemente un total de 12 paneis informativos en diferentes puntos identificados polo risco de inundación no río Masma, ao seu paso polo concello de Mondoñedo.
O obxectivo desta sinalización é concienciar á cidadanía sobre os perigos e implicacións asociadas a episodios de chuvia intensa, así como sobre as medidas preventivas e pautas de actuación recomendadas en caso de que estas chuvias se produzan nas áreas de risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
Segundo se recolle no Plan de Xestión de Risco de Inundación (PXRI) da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, esta zona pertence ao grupo IV, que é aquel no que están incluídas as áreas fluviais de maior perigosidade e risco desde o punto de vista da posibilidade de que se produzan desbordamentos.
Precisamente, a colocación destes elementos pretende mellorar a concienciación pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e as medidas de protección á cidadanía. Trátase dun traballo enmarcado no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (Pedarpsi) e que dá continuidade á instalación destes paneis noutras zonas sensibles de Galicia-Costa.
Deste xeito, cómpre lembrar que, ata o momento, Augas de Galicia xa colocou este tipo de indicadores en 37 concellos con áreas de alto risco de inundación dentro do seu territorio: Gondomar, Ames, Brión, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Vimianzo, Zas, Carballo, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Arteixo, Sada, Fene, Ferrol, Neda, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, A Pobra do Caramiñal, A Coruña, Baiona, Oia, Cambre, Culleredo, Oroso, Santiago de Compostela, Cuntis, Cambados, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Vilaboa, Vigo, Cangas, Viveiro, Caldas de Reis e Mondoñedo.
O organismo hidráulico adoita sinalizar e combinar diferentes formatos e tipoloxías de carteis nas zonas, como os xerais, os máis completos xa que inclúen información específica sobre a zona e o protocolo de actuación en caso de desbordamento, ou os infantís, cunha estética e linguaxe adaptadas á idade do público ao que van dirixidos.
Ademais, Augas de Galicia reforza deste xeito o compromiso coa prevención e xestión sostible de eventuais asolagamentos, en estreita colaboración coas administracións locais e autonómicas e cumprindo co PXRI vixente ata 2027, que está sendo sometido xa a revisión en aplicación da directiva comunitaria para a xestión do risco de inundación.
No caso concreto de Mondoñedo, os traballos para instalar carteis na contorna do río Masma, que supuxeron un investimento de 4.635 euros, enmárcase no contrato do organismo hidráulico autonómico para a prestación do servizo de concienciación e divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas que se atopan nesta situación.
Ao abeiro deste contrato e dentro do Pedarpsi cómpre lembrar que tamén se desenvolven diferentes obradoiros en centros de educación infantil e primaria existentes nas proximidades das áreas de risco potencial significativo de inundación para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia que teñen as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga.








Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.



