O presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, e a delegada territorial, Raquel Arias, anuncian que o Diario Oficial de Galicia publicará mañá esta licitación
MEDIO AMBIENTE LICITA AS OBRAS DE CONSTRUCIÓN DO EMISARIO SUBMARIÑO DE SAN CIBRAO, EN CERVO, POR 1,8 MILLÓNS DE EUROS
Coa posta en servizo desta infraestrutura remátanse as obras necesarias para o correcto funcionamento do novo sistema de saneamento coa mínima afección medioambiental posible
O emisario proxectado parte da EDAR de San Cibrao e estará constituído por un primeiro treito terrestre en gabia e outro submarino executado mediante perforación dirixida e seguido dos correspondentes difusores
Contará cunha lonxitude submarina de 686 metros, e descargará a auga depurada a unha profundidade de 18,70 metros
Cervo (Lugo), 13 de decembro de 2011.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras do emisario submarino do núcleo de San Cibrao, no Concello de Cervo. Así o manifestaron hoxe o presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, na visita realizada hoxe ao concello de Cervo, na que estiveron acompañados polo alcalde do citado municipio, Alfonso Villares.
A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, realiza unha achega económica de 1,8 millóns de euros para a execución deste proxecto hidráulico. Trátase da construción do emisario submarino da estación depuradora de augas residuais (EDAR) do núcleo de San Cibrao, no concello de Cervo.
O emisario proxectado parte da EDAR de San Cibrao, e estará constituído por un primeiro treito terrestre en gabia e dous treitos submarinos: un treito principal e o treito de difusor final. O treito terrestre contará cunha lonxitude de 28 metros en tubo de diámetro 315 mm, e o treito principal, submarino, será executado mediante perforación dirixida, en tubo de 315 mm de diámetro e cunha lonxitude de 686 metros, ata acadar a rasante do tubo unha profundidade de 18,70 metros. O treito final de difusores será executado en gabia dragada no leito mariño.
O presidente de Augas de Galicia explicou que neste ano 2011 o Ministerio de Medio Ambiente rematou as obras de mellora da rede de saneamento do núcleo de San Cibrao, que inclúen un tanque de retención no parque Raíña Sofía e unha EDAR para 8.000 habitantes equivalentes no polígono industrial de Cuíña. Non obstante, as obras non puideron poñerse en servizo, xa que a nova EDAR carecía de emisario e punto de vertido a pesar do compromiso adquirido no seu momento pola administración do Estado en canto á súa execución. Dada a evidente urxencia da actuación, a Xunta de Galicia asumiu a súa execución na última xuntanza da Comisión de seguimento do Plan Nacional de Calidade das Augas.
A Administración Hidráulica de Galicia comprometeuse a rematar as obras necesarias que permitan o correcto funcionamento do novo sistema de saneamento coa mínima afección medioambiental posible. Así, tal e como se citou anteriormente, a Xunta da o paso definitivo para solucionar unha carencia histórica como a da depuración das augas residuais do núcleo de San Cibrao.