A Deputación facilita a inserción de 340 parados lucenses con 22 novas accións formativas nos empregos con máis futuro
– O Presidente presentou a segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego, dotado cun orzamento de 618.000 euros, dos que a Unión Europea achega o 80%
– Gómez Besteiro avanzou que os interesados poderán facela solicitude dende o xoves ata o 30 de xuño, ben por correo certificado ou presencialmente na Deputación
– Impartiranse cursos sobre as áreas sociosanitaria e atención a dependentes, medio ambiente, novas tecnoloxías, e, como novidade, formación para poñer en marcha un negocio
– O mandatario provincial confía en que esta segunda parte do Pacto acade tan bos resultados como a primeira, na que participaron 575 persoas, das que máis de 100 seguiron traballando, ou as becas medioambientais Lug02, cun 50% de inserción laboral
O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presentou esta mañá en rolda de prensa un novo programa impulsado polo organismo provincial que facilitará a inserción laboral de 340 parados lucenses ofrecéndolles formación teórica e prácticas nos xacementos de emprego da provincia. Trátase da segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego, dotada con 618.000 euros, dos que a Unión Europea achega o 80%. “Para a Deputación sempre foi e segue sendo unha obsesión utilizar todos recursos posibles para xerar dinámicas de emprego, porque non nos queremos quedar impasibles ante a difícil situación que atravesan hoxe os lucenses que se atopan sen traballo”, destacou Gómez Besteiro. Ó acabar maio había 27.591 persoas en situación de desemprego na provincia, un 21% máis ca hai un ano, polo que “sorprende ver como o Goberno central recortou nun 56% o orzamento para políticas activas de emprego”, asegurou o Presidente.
O mandatario provincial destacou que a Deputación vai poñer en marcha de inmediato este novo proxecto para facilitar que os lucenses no paro atopen traballo “grazas á boa xestión que fixemos dos fondos europeos”. Os beneficiarios poderán ser de calquera Concello da provincia, excepto do de Lugo, pois a capital lucense conta co seu propio Pacto polo Emprego. Grazas ó programa, os participantes recibirán, sen custe algún, formación teórica nas profesións con máis futuro, e realizarán prácticas en asociacións e empresas lucenses de sectores estreitamente vinculados con estas áreas. Impartiranse 22 accións formativas de 13 temáticas diferentes, todas elas sobre os xacementos de emprego da provincia, “aquelas profesións de maior potencial de desenvolvemento e que mellor están a resistila crise”, destacou Besteiro.
Trátase dos coñecidos como empregos brancos, vinculados coa atención sociosanitaria e a dependentes, un sector que, segundo un informe do Ministerio de Traballo de outubro do ano pasado, xerará 200.000 empregos hasta 2015 en España; os empregos verdes, que medraron un 235% na última década, superando os 500.000 postos en España na actualidade, e os 24.000 en Galicia; e os empregos azuis, os relacionados coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, área que creará 218.000 empregos hasta 2020 no país.
O Presidente subliñou que o novo plan de inserción persegue “mellorar a formación e, con elo, as posibilidades de acceso ó mercado laboral dos desempregados da nosa provincia en xeral, e en especial daqueles que o teñen máis difícil: mozos menores de 30 anos; maiores de 45 anos; desempregados de longa duración; persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial; e vítimas de malos tratos; entre outros colectivos en risco de exclusión social”.
En Monforte, Viveiro e Lugo
Para facilitala participación, as accións formativas descentralizaranse, levándose a cabo nas áreas de influencia de Monforte de Lemos, Viveiro e Lugo, unhas localizacións que, en calquera caso, poderán sufrir cambios en función da demanda rexistrada. En concreto, os cursos ofertados son os seguintes: coidador de discapacitados físicos e psíquicos; atención especializada para enfermos de alzheimer; auxiliar de enfermería en xeriatría; dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil; produtor de hortalizas ecolóxicas; actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería; instalador de impermeabilización; mantedor, reparador de calefacción e auga quente sanitaria; edificación sostible; técnico en comercio exterior; xestión comercial das ventas; e administración de servidores e páxinas web. Ademais, como novidade con respecto á primeira parte do Pacto, impartirase un taller de emprendemento, no que os participantes recibirán información clave para iniciar o camiño da posta en marcha dun negocio propio.
Como inscribirse
As bases reguladoras do proceso de selección dos beneficiarios deste programa de formación e inserción laboral publicaranse mañá mesmo no Boletín Oficial da Provincia e ó día seguinte, o xoves, abrirase o prazo de inscrición. Os interesados terán 10 días naturais para anotarse, é dicir que poderán facelo ata o sábado, 30 de xuño, incluído.
Os requisitos básicos que deben cumprir os aspirantes son dous:
– Estar empadroado nalgún Concello da provincia, excepto no de Lugo porque xa ten o seu propio Pacto
– Estar inscrito como demandante de emprego.
Os participantes recibirán durante todo o período formativo –teórico e práctico- unha axuda que non pode superar o 75% do IPREM (Índice Público de Renda de Efectos Múltiples) para este ano 2012, é dicir, aproximadamente 400 euros. Esta axuda é compatible coa prestación por desemprego ou con outras axudas públicas con esta mesma finalidade, sempre e cando o conxunto das rendas percibidas non supere o 75% do IPREM.
A partir de mañá mesmo, as persoas interesadas encontrarán na páxina web da Deputación, www.deputacionlugo.org as bases reguladoras da selección dos participantes, así como a ficha de inscrición que, xunto á documentación requirida, deberán presentar: ou ben por correo certificado, ou ben persoalmente no Rexistro Xeral da Deputación. Os cursos darán comezo a finais de xullo e rematarán a mediados de novembro.
Bos resultados
O Presidente confía en que esta segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego dea “tan bos resultados” como a primeira, na que participaron 575 persoas, das que máis de 100 seguiron traballando, ou como outras das “numerosas iniciativas que, a pesar de non ter as competencias directas en emprego, puxemos en marcha dende a Deputación para abrir oportunidades laborais ós lucenses, como o Plan Lugo Emprega, que deu traballo a 711 persoas, ou as becas medioambientais Lug02, que acadaron unha inserción laboral do 50%”. Gómez Besteiro lembrou tamén que o organismo lugués poñerá tamén en marcha o Plan Integral Agropecuario e Forestal, que formará a 900 persoas nestes sectores vitais para o tecido socioeconómico de Lugo.



















O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.



