A ALCALDESA DESTACOU A LABOR E OS LOGROS DE JOSÉ MARÍA LÓPEZ NOCEDA COMO REXEDOR MUNICIPAL E COMO PRESIDENTE DA MANCOMUNIDADE DE MUNICIPIOS DA MARIÑA. OS SEUS RESTOS MORTAIS ESTÁN SENDO VELADOS NA CASA DO CONCELLO E O FUNERAL SERÁ MAÑÁ, MARTES, ÁS CINCO DA TARDE NA IGREXA PARROQUIAL DE LOURENZÁ.
Lourenzá, 11 de febreiro de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, destacou a labor e algúns dos logros de José María López Noceda durante a súa etapa de rexedor municipal e tamén como primeiro presidente da Mancomunidade de Municipios de A Mariña. Os seus restos mortais están sendo velados na capela ardente que quedou instalada esta mañá na Casa do Concello e o funeral será mañá, martes, ás cinco da tarde na igrexa parroquial de Lourenzá. A continuación o cadáver será incinerado na intimidade familiar.
Emma Álvarez explicou que “hoxe é un día triste en Lourenzá, declaramos dúas xornadas de loito oficial, hoxe e mañá, polo pasamento do que foi alcalde deste Concello durante 16 anos, José Mª López Noceda. Foi o primeiro rexedor da democracia aínda que el tomou posesión na etapa pre constitucional no ano 1973, un pouquiño presionado pola directiva de Banesto, que era a sucursal que el atendía aquí en Lourenzá”.
A actual alcaldesa destacou que “nesa etapa realizou xestións para adquirir terreos no Tremoal coa finalidade de construír o que hoxe é o CEIP Juan Rey. Promoveu a ampliación da ponte da Cazolga, debido a que os nenos tiñan que andar máis de seis quilómetros para poder coller o transporte escolar. Tamén xa neses anos iniciou o proxecto que culminaría coa posta en marcha da nova ubicación do mercado gandeiro comarcal. E o 3 de febreiro do 1974 iniciou o expediente de declaración de monumento histórico artístico do Mosteiro de San Salvador. Neste mesmo ano, ao non existir comisión de festas patronais, a Corporación constituíuse en comisión para que Lourenzá non quedara sen festas. Tamén se lle debe a López Noceda a colocación dos teléfonos públicos rurais, no ano 1976 promoveu o recoceñemento á pintora Julia Minguillón dunha rúa para o que cambiou o nome da glorieta San Miguel. Tamén creou a praza de abastos no campo da feira e logrou a reelectrificación do municipio. José Mª López Noceda promoveu a estrada comarcal que une San Xusto con Lourenzá”.
Álvarez Chao lembrou tamén que López Noceda “no 1979 accedeu de novo á Alcaldía, entrando xa na etapa constitucional dos concellos, e logrou a construción do polideportivo municipal, que leva o nome de José Antonio Terio Fernández, en recordo dun xove deportista falecido con tan só 13 anos de idade. Durante o seu mandato construíuse tamén a piscina municipal e tras gañar as eleccións locais do 1983 continuou ao fronte da Corporación e neste mandato houbo importantes logros como á adaptación dos locais para a nova Casa do Concello, a biblioteca, a Casa da Cultura e tamén os xulgados. Nesta etapa tamén se levou o abastecemento de auga a varias zonas do concello e no 1987, coincidindo co Día das Letras Galegas, promoveu o recoñecemento público a Francisco Fernández del Riego colocando unha placa na súa casa natal. Tamén impulsou a cultura e o deporte no noso concello axudando a botar a andar ao grupo de baile da asociación Osorio Gutiérrez e ao club de fútbol Atlético Lourenzá. Renunciou a Alcaldía no ano 1990 para iniciar unha nova etapa política como parlamentario autonómico.”
José María López Noceda foi ademais un dos impulsores da creación da Mancomunidade de Municipios de A Mariña, da que foi o seu primeiro presidente dende 1982 e “conseguíronse importantes logros, como a difusión do turismo na comarca, o servizo mancomunado de loita contra incendios, a recollida de lixo ou o centro de atención temperá”, explicou a alcaldesa de Lourenzá.
Onte, nada máis coñecer o falecemento de López Noceda a rexedora municipal púxose en contacto cos portavoces dos grupos da oposición “para propoñerlles ofrecer a Casa do Concello para instalar a capela ardente e pola súa parte non houbo ningún tipo de discrepancia e polo tanto desde hoxe ata mañá, martes, ás 5 da tarde vai ser velado aquí. Declaramos tamén dous días de loito oficial e no Concello están ondeando as bandeiras a media asta con crespón negro”.
Emma Álvarez rematou a súa lembranza de José María López Noceda explicando que para ela “é o alcalde co que máis identificada me sinto, posto que tendo en conta que nacín no 1974 e marchei estudar fora no 89 foi xusto a etapa na que el estivo de alcalde. A partir de aí, aínda que con Fe Rodríguez me une unha gran admiración e sobre todo podemos dicir que é coa que máis relación teño por estes anos nos que coincidimos como concelleiras, na súa etapa como alcaldesa foron os anos nos que eu estiven fóra, incluso vivindo noutro concello, e ao traballar tamén fóra de aquí, non volvín a retomar contacto coa corporación municipal ata que xa fun concelleira no ano 2007 con Vidal Martínez-Sierra na Alcaldía. Polo tanto José María López Noceda é o meu alcalde, por dicilo dalgunha maneira, posto que é do que máis oín falar cando era unha nena na casa e acórdome perfectamente de cando puxeron o teléfono e todos estaban agradecidos e dicían que grazas a Noceda tiñamos teléfono ou incluso tamén o abastecemento de auga”.
A alcaldesa anunciou que a capela ardente de López Noceda será visita pola delegada territorial da Xunta na provincia de Lugo, Raquel Arias, hoxe ás seis da tarde.







A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.