A Mariña, 6 de xullo de 2013. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Mariña organizou, este sábado 6 de xullo, na súa sede de Foz, unha xornada dirixida a cargos orgánicos e institucionais do partido na que se fixo unha análise do anteproxecto de reforma da Administración Local proposto polo Goberno do Estado, o cal, segundo os nacionalistas supón “un auténtico asalto ao poder local e un novo roubo ao pobo, xa que pretende baleirar de competencias a meirande parte dos concellos, converténdoos en institucións inútiles para os veciños e veciñas, ao mesmo tempo que abre as portas a un gran ERE na Administración Local.”
Ana Ermida, responsábel comarcal do Bloque, asegurou que “a reforma da Lei de Administración Local vai na liña de moitas das políticas que está aprobando o Goberno central dirixidas a recentralizar e unificar o Estado, eliminado concellos e dando peso á provincia e ás deputacións, a pesar de ser estas organismos decimonómicos, de escasa utilidade e proclives ás prácticas caciquís polo que deberían ser suprimidas canto antes.”
Desde o BNG piden ao Goberno central que retire este anteproxecto e insisten en que de levarse adiante a reforma, Lugo sería unha das provincias máis afectadas do Estado en canto o texto proposto establece que os concellos con menos de 20.000 habitantes, que son todos os lucenses agás a capital da provincia, terían que deixar en mans da institución provincial servizos municipais que non cumpran os estándares de calidade que se establecerán mediante Real Decreto.
Fin da democracia representativa
Durante o acto, Ermida amosou, tamén, a súa preocupación porque esta reforma decretará a morte da democracia representativa. “Coa reforma que pretende aprobar o Goberno de Rajoy será indiferente a cor do partido no goberno municipal, alcalde e concelleiros terán nula capacidade de decisión; un informe dos servizos de intervención será suficiente para que os concellos non poidan implementar políticas sociais, políticas turísticas, de fomento do emprego ou mesmo iniciativas deportivas, retrasando a reactivación da economía.”
“O Partido Popular -continuou- pretende implantar deste xeito outra das premisas neoliberais: os gobernos de técnicos. Non podemos permitir que os populares segan a empregar a crise para impoñer a súa ideoloxía” – aseverou a responsábel do BNG na Mariña”
Informe do Consello de Estado
Para os nacionalistas o Goberno debe escoitar as recomendacións do Consello de Estado, do que forman parte figuras destacadas do Partido Popular, que advirte dos inconvenientes do anteproxecto de reforma da Administración Local do Goberno central e que en parte coinciden coas denuncias que o Bloque Nacionalista Galego leva feito desde que se coñeceron as súas liñas principais;. alerta da excesiva redución da autonomía local, que é un cheque en branco para quitar competencias aos concellos e dos perigos de traspasar competencias ás deputacións.
“Estamos -concluíu Ana Ermida- ante unha manobra do Partido Popular que non contenta nin aos seus propios membros. É precisa unha reforma da administración local pero non baixo estes principios. Galiza precisa dunha reforma da administración local que teña en conta as súas particularidades como país.”