Non ao negocio coa nosa saúde!
Sanidade pública universal, gratuíta e de calidade!
Coa chegada do Sr Feijóo á Xunta, o Partido Popular iniciou unha campaña de recortes, desmantelamento e privatizacións da Sanidade Pública, pretendendo que a sanidade sexa un privilexio, accesible a quen o poida costear a través dos repagos que tratan de impor. Ou acudindo á sanidade privada, adiantando os cartos que despois o SERGAS reintregará.
A Sanidade é unha necesidade, é un dereito. Ante a enfermidade, precisamos duns servizos sanitarios que nos axuden a mellorar, a sobrelevar a debilidade que nos produce, a sandar. E estes servizos sanitarios deben atendernos a todos e todas por igual, sen discriminacións nin desigualdades. A igualdade só se garante cunha Sanidade Pública.
Despois de múltiples manifestacións cidadás, hoxe volvemos estar aquí porque este goberno segue a facer oídos xordos ás nosas demandas en defensa da Sanidade Pública. Porque desde hai un tempo estase a desmontar a Sanidade Pública e xa non podemos acceder con equidade ao sistema sanitario, incrementáronse as desigualdades de acceso en función dos nosos ingresos, da zona onde vivamos. Toda esta situación agrávase sendo máis agresiva coas persoas que teñen menos recursos.
A Sanidade Pública é patrimonio universal da cidadanía, lograda co esforzo de todos, por isto non imos consentir que a privaticen, converténdoa nun nicho de negocio para empresas amigas, vendéndoa por pezas e ao mellor postor. Esa é a folla de ruta que teñen marcada para os servizos públicos, esa é a súa meta: eliminar a Sanidade Pública para poder facer negocio coa enfermidade das persoas.
Durante estes anos, o goberno da Xunta impulsou todo tipo de medidas que afondan no desmantelamento da Sanidade Pública:
– Privatizacións. Despois das privatizacións dos servizos non sanitarios, e de reiteradas promesas do Sr. Feijóo e da Conselleira de Sanidade, Sra. Mosquera, de que nunca ían privatizar a bata branca, agora privatizan as unidades de esterilización co argumento de que na empresa privada está a eficiencia e a eficacia e o coñecemento da alta tecnoloxía.
– Non descansan no seu intento en desprestixiar os servizos públicos. A privatización das unidades de esterilización conta coa oposición frontal de todos/as as/os profesionais, pero aos privatizadores dálles igual. Non son capaces de presentar un informe técnico que avale a súa medida, porque non existe xustificación nin profesional, nin técnica, nin económica. O único obxectivo é lucrar as empresas privadas amigas que non traballan para beneficio de ninguén máis, que de si mesmas.
– Implantación de copagamento nas prestacións sanitarias. Incrementando o sufrimento das persoas que non teñen recursos económicos para facerlles fronte, creando un imposto sobre a enfermidade. Fronte a esta situación a comisión de sabios do PP recomenda nun recente informe incrementar os repagos co argumento de que “a prestación gratuíta e xeneralizada dos servizos sanitarios non é o modo máis eficiente e xusto de actuar”. De que xustiza nos están a falar?
– Peche de camas, recortes orzamentarios, taxas de reposición. Isto é o que impera na Sanidade Pública. Menos camas para ingresar os/as doentes.
Este verán a Xerencia Hospital da Costa ten previsto pechar unha planta enteira de hospitalización o que traerá consecuencias ben claras, a derivación dos ingresos a outros hospitais de Lugo por falla de espazo. É a primeira vez que se atreven a pechar unha planta enteira e non o imos consentir, non permitiremos que nos traten como cidadáns de segunda. Queremos unha sanidade pública, gratuíta, universal, de calidade e de proximidade aquí, na Mariña e non a hora e medio de camiño.
Colapso dos servizos de urxencias. Condénase a/o doente a entrar nunha porta xiratoria entre o seu domicilio e o servizo de urxencias. Recórtase o diñeiro destinado á Sanidade Pública, destrúense postos de traballo, reducindo a presenza dos/as profesionais que fai inviable unha prestación de calidade, para logo remitir as/os doentes a centros privados.
E logo inda nos veñen con contos propagandísticos cando falan das listas de espera. As listas de espera son grandes e medran día a día, por causa dese peche de camas, pola mala xestión que se está a facer e tamén porque pensan que nos enganan mantendo persoas en listas de espera ocultas.
– A Lei de Garantías é a expresión do fracaso das políticas sanitarias do PP. Intégrase nun mesmo nivel e nun mesmo sistema a Sanidade Pública e privada. Di o Sr. Feijóo que a prestación sanitaria recibida nun centro privado tamén é pública, xa que as/os doentes non pagan a maiores por esta asistencia. De futuro isto vai dificultar o desenvolvemento dos principios que deben presidir o sistema sanitario público. Nun informe da Comisión Europea, coñecido estes días, ponse en dúbida que a colaboración publico-privada mellore a eficiencia na atención sanitaria. O que si se
recolle neste informe é que resulta máis custosa (marxe de beneficios a maiores).
– Implantación da obrigatoriedade de derivar os casos de accidentes de tráfico menos graves ás clínicas privadas, aumentando así o beneficio destas empresas a costa da nosa saúde e dos nosos petos.
– Areas de Xestión Integradas e Áreas de Servizos Compartido, creadas co obxectivo de provocar un distanciamento do recurso sanitario ao respecto da poboación, con evidentes efectos disuasorios, e ruptura da equidade.No seu momento, coa creación das áreas de xestión integrada, como a que fixo que o Hospital da Costa e os nosos Centros de Saúde pasasen a depender de Lugo, comezaron a afastar a sanidade dos veciños e veciñas da Mariña, deixando a nosa Area Sanitaria sen asignación económica e sen poder de decisión, pechando servizos do noso Hospital , como o de contabilidade, levando ás especialistas para Lugo, como a médica de saúde laboral, amortizando prazas sanitarias nos centros de saúde de Xove, San Cibrao e Ribadeo, derivando cada vez mais pacientes cara Lugo para intervencións cirúrxicas e probas diagnosticas, e para agochar esta desfeita, lanzaron promesas mentireiras como que antes de que rematase este ano ían crear unha unidade de oncoloxía ou que ían ampliar o Hospital da Costa.
– E como inda non é suficiente, inda está enriba da mesa a proposta de Áreas de Xestión Clínica, que pretende trasladar ás persoas que traballan na Sanidade Pública, ás e aos profesionais, a responsabilidade de recortar, chantaxeándoos con incentivos ligados ao aforro.
O persoal que traballa no SERGAS e o conxunto da poboación galega non estamos dispostos/as a participar nese xogo, non cederemos á chantaxe. Manifestámonos no pasado, manifestámonos hoxe, e seguiremos a manifestarnos e a loitar pola Sanidade Pública. As/os políticos son meros xestores transitorios dos servizos públicos, non teñen ningún dereito a privatizalos, negándonos o dereito a ter unha Sanidade Pública, universal e de calidade, que logramos o noso esforzo e que se financia cos nosos impostos.
O Sr Feijóo e a Sra. Mosquera non pensan parar. NOS TAMPOUCO. Non teñen outra meta que rematar coa Sanidade Pública e entregarlla en bandexa a empresas privadas, grandes bancos, fondos de inversión e especuladores que só buscan lucrarse a costa dos nosos petos e da nosa saúde.
Pero nós non llo imos consentir, a razón está da nosa parte.
















Destacou o labor da asociación xuvenil A Rumboia, que en poucas edicións converteu o evento nun referente cultural da Terra Chá e nun motor para o turismo e a economía local. O cartel inclúe Caamaño & Ameixeiras, Ulex, La Txama, Boyanka Kostova, Bea Fernandes e Lucasiito B2B Somiiux. Haberá tamén actividades para todas as idades —xogos, obradoiros, contacontos e artesanía— no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
O Parque María Cristina da Caridá volverá encherse de oficios, sabores, música e tradición os próximos días 4 e 5 de xullo
Desde o pasado martes desenvolvéronse distintas competicións deportivas, entre elas os tradicionais torneos 3x3 de fútbol e baloncesto e un campionato de xadrez, nos que participaron preto de 300 mozos e mozas. Villares sinalou que esta convocatoria “é xa un clásico na vila e axuda a proxectar a oferta do Espazo Xove, un punto de encontro para a mocidade que ao longo de todo o ano ofrece distintas propostas de lecer, formación e participación adaptadas aos seus intereses”.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
O delegado gabou o traballo realizado polo Motoclub A Cadeira para dar continuidade a esta proposta logo do éxito do pasado ano, “deixando claro desde a primeira convocatoria o seu poder de atracción e o importante papel de dinamización económica e social que xogan iniciativas deportivas e lúdicas como esta”. Na programación destacan a subida nocturna ao monolito da Cadeira, os simuladores de pilotaxe de moto GP e a exhibición de Stunt3Show, ou unha ruta turística. Ademais, houbo sesións vermú, música en directo, sorteos de premios, acampada gratuíta -cuberta e exterior- e food trucks, entre outras actividades.
A edición deste ano incorpora un novo formato organizativo: as sesións vermú ampliaranse a tres horas na Praza da Constitución e todas as verbenas trasladaranse ao Campo da Feira para mellorar a loxística e facilitar a montaxe dos espectáculos, especialmente nun ano con formacións de gran formato. O programa musical combina orquestras, grupos e DJs para públicos de todas as idades, con citas destacadas como Panorama City, Paris de Noia, Los Satélites, Costa Dorada ou a xira campestre con diferentes propostas ao longo de varios días. Desde o Concello subliñan que as festas son un espazo de encontro para a veciñanza e para quen regresa a Vilalba nestas datas, e que o obxectivo é ofrecer unha programación equilibrada e pensada para que cada persoa atope o seu lugar nunhas patronais que forman parte esencial da identidade da vila.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.



