- Ata este domingo celébrase O Festival da Ostra de Castropol
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
- O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o acto de presentación do libro Memorias dun porco teixo, de Xosé Manuel Felpeto Carballeira, publicado pola Editorial Tris Tram
A presentación correrá a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA. O acto terá lugar o venres 8 de maio de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.
- A Libraría da Casa da Auga de Bres, Taramundi, inaugurará o sábado 2 de maio un novo ciclo mensual chamado Café-Coloquio, pensado para promover o diálogo sobre medio ambiente, territorio, cultura e sociedade
A primeira sesión, de 11:00 a 12:30 h, contará cun autor asturiano destacado polo seu traballo arredor do mundo rural e da cultura campesiña. A actividade é aberta, participativa e gratuíta ata completar aforo.
- A Vicepresidencia da Deputación apoia a participación do Castro FSF na fase final da Copa da Raíña de Fútbol Sala, que se disputa esta fin de semana en Móstoles
A área de Deportes reforzará o seu respaldo ao club cunha subvención excepcional ligada á presenza neste torneo estatal. O vicepresidente Efrén Castro visitou este mércores o equipo en Castro Ribeiras de Lea para trasladarlles ánimo e destacar a importancia de competir a este nivel para dar visibilidade ao deporte feminino e avanzar na igualdade. Ademais deste apoio puntual, a Deputación financia de maneira estable a actividade do club cunha subvención nominativa de 70.000 euros, a principal achega institucional ao seu funcionamento.
- O Teatro Pastor Díaz de Viveiro acollerá este sábado 2 de maio, ás 20:30 horas, a representación da obra “Los hombres no mienten”, a cargo do grupo local Andanzas
A función está dirixida ao público adulto e a entrada será de balde, ata completar aforo. O evento conta coa colaboración do Concello. Unha nova oportunidade para gozar do teatro local e apoiar o traballo das compañías da comarca.
- Ortigueira acolleu a IV Concentración Motera
Estivo organizada polo Motoclub Os de Sempre, que reuniu este fin de semana a centos de participantes chegados de Galicia, Asturias, León e o Bierzo. O programa incluíu unha ruta nocturna en homenaxe aos moteros falecidos, ademais de momentos de convivencia en comidas e actuacións musicais dos grupos Primera Línea e Malditos Pendejos. Na entrega de trofeos participaron o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e a concelleira Isabel Rego.
- O Concello de Navia fai un balance moi positivo da XVII Feira do Libro e da III Feira da Ilustración, que durante a fin de semana atraeron numeroso público
A reorganización dos espazos —stands na Praza do Casino e presentacións no Cine Fantasio— foi clave para o éxito. A concelleira de Cultura, Patricia Rodríguez, destacou a boa acollida e a resposta do público, valorando moi positivamente o novo formato.