- Un total de 37 persoas participaron o pasado domingo, 27 de setembro, nunha nova saída da oitava edición do ‘Guitiriz en Ruta’, o programa de sendeirismo organizado polas Escolas Deportivas Municipais coa colaboración do Concello
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
- O Concello de Navia presentará este xoves, 1 de outubro, ás 11:30 horas no Espazo Cultural El Liceo, as novas actividades do Programa de Soidade Non Desexada para persoas maiores
A programación do último trimestre inclúe Maiores con Arte, Moito máis que café, Entre risas e animación domiciliaria. Tras os obradoiros iniciados en maio, o Concello mantén o contacto cos participantes e leva as propostas ás asociacións para facilitar novas incorporacións. Na presentación explicaranse as formas de participación e os servizos dispoñibles. O programa conta co apoio da Consellería de Dereitos Sociais e Benestar do Principado de Asturias.
- Xurxo Souto visitará Ribadeo este venres 2 de outubro para presentar o seu último libro, A novela do bravú. Aproveitando a súa presenza, realizarase un pequeno percorrido polas “Palabras na varanda”, a iniciativa que desde maio enche de cor e de letras galegas os balcóns da vila
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.
- Daniel García achegouse este domingo a Ourol, onde se celebraron as IV Xornadas Etnográficas da Mariña, organizadas pola Asociación Tecedeira co apoio da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación
O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
- O Salón de Actos de Xove encheuse este venres de ilusión, maxia e aprendizaxe coa actuación do Mago Rafa, que presentou o seu espectáculo “Abrazando a igualdade” para todo o alumnado do CEIP Pedro Caselles Rollán
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
- Foz protagonizou este venres o programa Voces de Lugo, de RadioVoz, que se emitiu en directo de 12 a 14 horas desde a cafetería Marexada para toda a provincia
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.
- Lucía Legazpi López, a afortunada co Pasaporte de Acisa, voou estes días a Lanzarote para gozar do seu premio
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.