17 de Novembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O centro cinexético e piscícola de Galicia, un patrimonio de todos

30-07-09


Lara Méndez

Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo

No ano 2003 a Deputación de Lugo, gobernada entón por Francisco Cacharro, e propietaria das fincas de Tor, constitúe coa Consellería de Medio Ambiente, dirixida por José Manuel Barreiro, a Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia. Pero o certo é que durante estes anos pouco se soubo das súas funcións e do seu fin. Iso sí, todos somos coñecedores de que está nun contorno privilexiado do Val de Lemos, e destinada –en teoría- á fomentar a conservación e a investigación das especies faunísticas vinculadas á caza e á pesca, e a favorecer a conservación das paisaxes rurais tradicionais e do medio natural.

O que nun principio semellaba ser un proxecto pioneiro non só en Galicia senón tamén en España, pronto se converteu nunha “cortina de fume”, ó igual que acontece con outras dependencias como o Hotel Miño ou o complexo de Augasmestas, que foron xestionadas polo Partido Popular e que, na actualidade, derivaron nas “grandes hipotecas” que herdamos dos nosos antecesores na Deputación, e que agora nos vemos na obriga de subsanar debido a unha escasa e ineficaz xestión.

Cando chegamos ó goberno o que menos sospeitabamos é que ían saltar tres alarmas que puxeron en entredito os obxectivos e os fins de dita Fundación: o anuncio de embargo por parte da Axencia Tributaria, a desforestación progresiva -que transformou a paisaxe barrendo literalmente as árbores sen xustificación- e, finalmente, o estado de absoluto abandono e deixadez das pistas –debido, supostamente, ós danos que produciu a maquinaria pesada coa retirada das árbores que os deixaron totalmente impracticables-. Precisamente, estes viais hoxe en día gozan de bo estado grazas á xestión realizada polo novo Padroado, presidido polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro.

Ante esta situación, e contrariamente a como se actuou durante os últimos 25 anos nesta institución, iniciamos a posta en marcha dunha auditoría económica-financiera, medioambiental e patrimonial co obxectivo de esclarecer esta situación anómala, sobre todo porque entendemos que o Centro é un ben patrimonial que temos que preservar e conservar. Neste senso, recopilamos todo tipo de información que foi posta nas mans da Fiscalía para probar que o que eran indicios nun primeiro momento pero, que a día de hoxe, son unha realidade.

Os informes realizados revelan que se produciron numerosas irregularidades. A medida que profundizamos na análise da situación económica detectamos débedas a proveedores que superan os 100.000 euros, multas sen pagar, impagos a empresas locais, contratos de moi difícil xustificación, o pago dunha factura correspondente ó coche da muller do anterior xerente, etc. Pero, por se fose pouco, constatamos que tres patronos viaxaron ás cidades africanas de Johannesburgo, Namibia e Tanzania, o que supuxo un custe aproximado para a Fundación de 20.000 euros. Por outra banda, a madeira vendida ó longo destes anos na finca de Tor ascendeu a 725.000 euros, que sumados ós 288.000 euros do custe dos danos nas pistas forestais, froito do paso da maquinaria pesada para a recollida da madeira, dan conta do “grande fiasco” do Partido Popular.

Ademais de actuar diante a Axencia Tributaria, Rexistro de Propiedade, alimentar ós animais- que estaban en condicións pésimas-… a Deputación saldou a día de hoxe as súas débedas coa Fundación e só falta o pago da Xunta de Galicia, que non realizou ningunha aportación desde 2005. Se algo temos claro é que hai asuntos de máxima urxencia que esixen actuacións igual de áxiles. Temos unha intención clara: chegar ó final deste entramado, xa que a nosa preocupación só é manter inalterado o patrimonio que cedeu a Deputación no seu momento e que lle pertence a cada un dos habitantes desta provincia. Porque Tor non é unha finca privada, Tor é de todos.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive