25 de Xuño de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Cervo recolleu 130 quilos de aceites domésticos durante o mes de marzo

14-05-10

CERVO .- Cervo xerou no pasado mes de marzo 130 quilos de aceite doméstico usado, os cales foron depositados polos veciños nos seis colectores destinados á súa reciclaxe e que foron instalados polo Concello en todo o municipio.

Pilar Armada, edil de Medio Ambiente, mostrou a súa satisfacción pola resposta dos veciños sinalando que “se trata de cantidades moi significativas” tendo en conta as particularidades do concello de Cervo, formado por diversos núcleos de poboación disgregados entre si. “O certo é que mes a mes estamos a manter unha cifra moi estable de quilos achegados, o cal demostra o grao de implantación deste servizo e da implicación dos veciños no que atinxe á necesidade de reciclar os residuos”.

Así mesmo, a concelleira cervense indicou que a empresa encargada da recollida destes aceites tenlles salientado en varias ocasións que as cantidades acadadas de aceites son máis altas cas de outros concellos de similar tamaño e dispersión da poboación.

Destacan pola súa concienciación os veciños que depositaron 50 quilos de aceite no colector situado na rúa da Aduana (San Ciprián), seguido do que está nas na rúa Concepción Arenal (San Ciprián) onde se recolleron 40 quilos. A continuación séguelle o colector situado entre as rúas do Cobo e do Xunco, con 20 quilos; mentres que os colectores situados no porto de San Ciprián e na rúa Xosé María Cao (Cervo)recollereon 10 quilos. Pola súa parte, no colector situado na urbanización de Río Cobo non se recolleu ningunha cantidade de aceite.

DANOS ECOLÓXICOS

A concelleira de Medio Ambiente cervense sinalou que a recollida de aceites usados é importante para evitar os danos ecolóxicos que xera o seu vertido incontrolado. As graxas arroxadas polos escorregadoiros acaban atascando os sumidoiros e provocan un rápido desgaste dos filtros das depuradoras. Ademais, nos ríos, o fluído forma unha película superficial que impide o paso do osixeno. Neste senso Pilar Armada sinalou que os 130 quilos de residuos xestionados a través dos seis colectores cervenses no mes de marzo é unha cantidade que podería ter contaminado uns 143.000 litros de auga.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive