17 de Novembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Deputación di que executou en tempo e forma o plan para arranxar os danos das choivas na Mariña

02-08-10

LUGO .- A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, visitou este luns algunhas das actuacións levadas a cabo polas máquinas do Parque Móbil nas vías municipais de Cervo, e que se inclúen dentro do Plan de Choque creado polo organismo provincial para arranxar os danos producidos pola choivas no mes de xuño na Mariña. Naquela xuntanza, Gómez Besteiro e os Alcaldes mariñanos consensuaran un plan de actuación a 40 días para os oito Concellos situados en primeira liña de costa, e que rematou o 31 de xullo.

Neste senso, Lara Méndez subliñou que “tal e como estaba previsto podemos comprobar como o Presidente cumpriu coa palabra dada a todos os Alcaldes da Mariña, executando en tempo e forma todas as actuacións previstas dentro da programación. Ademais, o reparto foi para todos igual. Grazas á axuda da Deputación a Mariña puido recobrar a normalidade e presentar unha mellor faciana a todos os turistas que estes días pasan a súas vacacións nesta zona”.

O organismo provincial foi a primeira administración en poñer en marcha un plan de choque para a recuperación da costa luguesa, dotado con 1,2 millóns de euros, dos que 900.000 corresponderon ós danos producidos na rede viaria provincial e 300.000 ós traballos realizados polas máquinas da Deputación en vías muncipais, aforrando este custe ós Concellos.

“Sempre baixo as indicacións dos Alcaldes”

As máquinas actuaron en 200 quilómetros de vías municipais, pertencentes a 34 núcleos poboacionais dos 8 Concellos. Concretamente, leváronse a cabo traballos de bacheo en máis de 90 quilómetros e actuacións de limpeza en preto de 40. A Vicepresidenta Segunda destacou que “isto resposta a unha clara liña de cooperación cos Concellos e sempre baixo as indicacións dos Alcaldes, seguindo criterios de urxencia e de eficiencia. Precisamente, o Presidente, tal e como se comprometeu no se momento, cada semana informou ó Conselleiro de Presidencia de todas as obras que se foron executando”. A este respecto, Lara Méndez puntualizou que “deste xeito demóstrase que a nosa intención foi a de colaborar, solucionar un problema, e a de traballar”.

En total, actuaron na zona 20 traballadores, ademais de 3 equipos de rego, formados por tres cisternas de emulsión asfáltica, dous camións gravilleiros e tres apisonadores, ademais de dous equipos de limpeza, compostos por dúas motoniveladoras, dous camións vasculantes e outras tantas palas.

Rede viaria provincial

Os asolagamentos tamén causaron importantes danos materiais na rede viaria provincial. Neste caso, os desperfectos tamén foron arranxados coa máxima celeridade posible a través da empresas adxudicatarias da Conservación, excepto o derrubamento da ponte que une as parroquias de A Ponte e de Arante, debido a que a Xunta de Galicia aínda non concedeu os permisos necesarios ó estar afectada polo Camiño Norte.

Pola súa banda, o organismo provincial actuou con rapidez, realizando unha proposta de emerxencia e habilitando unha partida orzamentaria dotada con 250.000 euros para acometer a súa reconstrución. “Dende a Deputación fomos eficaces e eficientes. Unha vez máis demóstrase que os problemas dos veciños e das veciñas da Mariña non son de interese para o Presidente da Xunta. A día de hoxe, todos os mariñanos sabemos quen estivo ó noso lado”, engadiu a Vicepresidente Segunda.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive