25 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

ADEGA apoia a festa “Mas talento e menos cemento” que se celebrará en Barreiros esta fin de semana

17-09-10

NOTA DE PRENSA:
Urbanismo na costa: MÁIS TALENTO E MENOS CEMENTO

cementoO colectivo “MAIS TALENTO E MENOS CEMENTO” está a levar unha campaña por un urbanismo responsábel e denunciando as consecuencias da especulación salvaxe na costa, nomeadamente no concello de Barreiros. Este vindeiro sábado 18 de setembro convidámosche a unha xornada festiva coa “I festa de exaltación do cemento” en San Miguel de Reinante (Barreiros), e na que intervirán diversos grupos e artistas. Haberá pasarúas, música ao vivo e poroxectarase en exclusiva mundial o documental “Imaxina Barreiros”. ADEGA apoia esta campaña e convídavos a colaborar na denuncia das falcatruadas sobre o territorio: se legalizan as barbaridades urbanísticas de Barreiros, entón xa valerá todo!

A aberrante siituación urbanística que vive o concello de Barreiros, coa eventual sinatura do convenio urbanístico entre a Xunta, deputación e concello, e o anuncio de Hernández de retirar os contenciosos-administrativos, exemplifica a ausencia total de respecto pola legalidade e a connivencia dunha administración cómplice da especulación urbanística. Consecuentemente, ADEGA desenvolverá todas as accións legais pertinentes para que tais actos non queden impune. Se a retirada destes recursos constitúe unha inaceptábel e aberrante práctica administrativa, aínda é máis indignante e escandaloso que pretender reparar tal ilegalidade a conta dos cartos públicos. No tocante ao convenio, a súa existenza é a demostración evidente da ilegalidade das licenzas outorgadas polo alcalde de Barreiros, por canto o solo non cumpría no seu momento (nen cumpre hoxe) ningúns dos requirimentos para ser cualificado como solo urbano consolidado. A súa sinatura por parte das administracións implicadas suporía un uso fraudulento dos recursos públicos e un escandaloso agravio comparativo para os concellos e promotores que actúan dentro da legalidade.

En ADEGA temos moi claro que se todas as falcatruadas urbanísticas do Concello de Barreiros poden ser legalizadas impunemente, pouco van valer en adiante as disposicións de protección do solo recollidas na lexislación urbanística e en calquera outra lexislación. En consecuencia, ADEGA non escatimará esforzos para tentar restaurar a legalidade fronte á deixación de funcións e a escandalosa connivencia da Xunta cos infractores.

Dende ADEGA, animamos á cidadanía, concellos e colectivos sociais, a denunciar esta e outras falcatruadas urbanísticas e ambientais e a constiuirse como última liña de defensa do noso territorio, vista a deixación de funcións da administración de consumarse a súa intención de aliñarse coa ilegalidade. Apoiamos a iniciativa da plataforma “Máis talento e menos cemento” e convidámosvos a asistir ao acto-festa deste vindeiro sábado 18.

Máis información: Froilán Pallín, secretario xeral de ADEGA (606364291)

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive