18 de Marzo de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A política do carallo

30-10-10

Fai tempo que a política deixou de ser dereitas, esquerdas, de centro, nacionalistas ou calquera das siglas que un partido presenta á sociedade nas pequenas e medianas poboacións da nosa comarca e polo tanto do resto do Estado (Claro que iso é unha apreciación persoal).

Na Mariña, por suposto, ocorre máis do mesmo, e se se me permite aínda con maior forza.
Aínda que é certo que hai siglas políticas de gran renome nacional ou galego, ao final a xente vota ás persoas que hai detrás desas siglas e esquécese dos partidos.

Hoxe a xente coñece á persoa que hai detrás do político máis que en ningunha outra etapa da historia do noso pobo, e iso en gran medida, débese aos medios de comunicación sobre todo locais e dixitais que xurdiron coas novas tecnoloxías e que por outra banda, son moi visitados pola poboación.

Algúns concelleiros, souberon aproveitar o tirón mediático que iso supón, e que estou seguro axudáselles a conseguir máis votos nestas próximas eleccións municipais.

Esta nova etapa promete ser unha das de maior disputa pública por parte dos nosos concelleiros, e iso será benvido en aras da transparencia dos nosos gobernantes, porque as súas reflexións, os seus pensamentos, as súas opinións, si e que as teñen, que moitas veces o dubido, e en definitiva os seus debates, coñeceranos de inmediato unha gran maioría da poboación.

Debates, que só podían ser seguidos nos plenos municipais, e que salvo os pequenos titulares nos xornais, se había algún que suscitase un gran interese , estes, non nos enganemos, non chegaban con claridade, nin de forma inmediata ao resto dos cidadáns.

Así pois debemos celebrar que hoxe máis que nunca se produzan debates abertos cara á galería que é onde nos sentamos as persoas correntes, para ver como é o transcorrer da vida dos nosos pobos, e alí é onde as cousas que ocorren forman parte da nosa cotidianidade.

Non me gustan as persoas, os políticos que sexan monicreques dunhas siglas movidas por quen sabe cantos fíos.

Gústanme os que se mostran tal e como son, prevalecendo o ser humano que levan dentro por encima dos nomes dos partidos políticos. E si é que voto, terei iso moi en conta a hora de depositar o papeliño na urna de metacrilato, por certo e ¿porque os concelleiros de Cervo non piden a Feijóo que faiga as urnas de porcelana para afrontar a crise?. Cousas peores vironse nesta Galicia irredenta e caziquil¡¡¡¡
Otero Regal

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive